Anova esixe ao Partido Popular que cumpra o acordo parlamentario de 2019 que posibilitaría aplicar recargos no IBI das vivendas baleiras a grandes posuidores.

A irmandade nacionalista denuncia que o PP de de Feijóo só ampara a bancos, fondos voitres e especuladores coas súas políticas de vivenda, «que cada vez castigan máis á xente» impedindo que se mobilice a vivenda baleira e se regulen os prezos.
Neste senso, indican que o 1 de abril de 2019, unha iniciativa de Antón Sánchez na Comisión 2ª do Parlamento galego conseguiu o apoio unánime para que a Xunta de Galicia definira o concepto de vivenda desocupada se o Estado non o facía en seis meses permitindo así a aplicación polos concellos dos correspondentes recargos que prevé a Lei reguladora das facendas locais.
A definición do concepto de vivenda desocupada é fundamental para que nos concellos, si así o deciden, poidan aplicar un recargo de ata o 50% do IBI ás vivendas baleiras de grandes posuidores.
O caso é que ante a ausencia desta definición non se pode aplicar o artigo 72 da Lei 2/2004 de Facendas Locais e os concellos non teñen amparo legal para levar a cabo unha política fiscal que promova a utilización da vivenda baleira para axudar a cumprir coa súa función social nun contexto de gran suba dos prezos de alugueiros nas principais cidades galegas -subliñan dende Anova-
Nalgunha delas nos últimos 5 anos os alugueiros subiron preto do 30% -denuncia o grupo político- cando evidentemente «os ingresos da xente traballadora non subiron na mesma proporción», o que supón na práctica «o empeoramento dramático da vida de milleiros de persoas, chegando en moitos casos á expulsión das súas casas».
«Mentres un recente informe da Fundación Foessa sobre a situación da pobreza, citaba a vivenda como o primeiro factor de exclusión social na actualidade, aos bancos e fondos voitre saelles gratis manter baleiras vivendas para especular, porque tanto o PSOE no goberno español, como o PP en Galiza néganse a cumprir unha lei vixente dende hai 17 anos e cun acordo parlamentario de hai 2 anos» -recórdase dende Anova-.
COMPLETO FRACASO DA POLÍTICA DE VIVENDA DO GOBERNO FEIJÓO
Para a formación, «este feito de non querer aplicar políticas fiscais sobre a vivenda baleira é fundamental para entender o fracaso absoluto do Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, que en 5 anos só conqueriu poñer para alugueiro social deste xeito, 24 vivendas segundo os últimos datos», recordando que «hai oito comunidades autónomas no Estado español que xa fixeron os seus deberes definindo o concepto de vivenda baleira dirixido a gravar só os grandes posuidores, e adaptando a definición á realidade de cada unha delas mentres en Galiza o PP incumpre os seus propios compromisos».
“Os datos e os feitos de Feijóo dende que chegou ao goberno galego non enganan. Nada lle importa que haxa xente que é expulsada do seu fogar, que as familias traballadoras paguen cada vez máis porcentaxe dos ingresos pola vivenda engrosando moitas veces os beneficios dos bancos e fondos voitre, que sexa un factor de exclusión social ou que sexa un obstáculo para a emancipación da xente moza. Só lle importan os beneficios dos especuladores”, declarou Antón Sánchez, que reclamou “que a Xunta de Galicia cumpra e deixe de bloquear que os concellos poidan facer unha política fiscal e de vivenda máis xustas”.