O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas no Parlamento galego, Antón Sánchez reclamou que o presidente da Xunta dé conta das xestións, se as houbera, para poñer a disposición do interese xeral todos os recursos e medios das entidades privadas, tal e como permite o Real Decreto que regula o Estado de Alarma.

O deputado Antón Sánchez durante a súa interpelación ao presidente da Xunta / Parlamento de Galicia

“Díganos cal é o papel da sanidade privada nesta crise tras anunciar o ano pasado beneficios históricos. Dar vacacións e despedir persoal?” -afeoulle Sánchez a Feijóo no pleno da Deputación Permanente celebrado o xoves na Cámara autonómica, lembrando que a dirección da empresa HM, con cinco hospitais en Galicia, instou aos seus traballadores a cesar voluntariamente a súa actividade para reducir así os seus custes laborais.

O deputado lembroulle a Alberto Núñez feijóo que “o aval da oposición non pode usarse para facer política partidista” e que a lealdade amosada polos grupos da Cámara “ten que ser recíproca e institucional” criticando ademáis que o presidente da Xunta e líder do PP galego busque “chivos expiatorios” noutras administracións.

Sánchez fixo unha firme defensa da sanidade pública, claramente afectada logo dunha década de gobernos do PP. “A pandemia pon ao descuberto o lesivo dos recortes realizados nos últimos anos fronte ao beneficio do capital” -expuxo-, denunciando que as políticas levadas a cabo polo Partido Popular deixan en desvantaxe ao sistema público para combatela. “O Covid-19 amosa que é a sanidade pública a que dá a cara e saca as castañas do lume cando hai dificultades. Non volvamos ás andadas de desviar o orzamento público para beneficiar a intereses privados” -insistiu o deputado-.

ESTABILIDADE NA CONTRATACIÓN

Dutra banda, Antón Sánchez agradeceu o esforzo e o traballo dos e das profesionais da sanidade pública e pedíulle a Feijóo “estatabilidade na contratación” e rematar dunha vez por todas “cos contratos lixo do persoal médico e de enfermería”.

MATERIAL SANITARIO EN PODER DO GOBERNO GALEGO

Asemade, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas tamén requeriu do presidente da Xunta unha explicación clara en relación co material que o Goberno galego ten en stock, entendendo “escandaloso” que supostamente habendo medio millón de mascarillas o persoal sanitario e das residencias dependentes da Xunta “non traballen coa debida protección” e que, logo de queixarse pola falta de material “o que hai aquí marche para Madrid”.

“Aos dous días da declaración do Estado de Alarma vostede estaba criticando a falta de material como se a Xunta non tivera competencias. Días despois vemos que hai 500.000 mascarillas gardadas e que Galicia doará material sanitario a Madrid” -denunciou o deputado-.

RESIDENCIAS DE MAIORES

En relación ás residencias de maiores, que están a ser un dos principais focos de contaxio en Galicia, Antón Sánchez insistiulle a Feijóo na necesidade de medicalizalas e dotalas de máis recursos materiais e humanos, sendo este un dos asuntos que a coalición leva días reclamando e que xa lle trasladou tamén por videoconferencia o pasado domingo. “Non poden converterse nun negocio millonario para os fondos de investimento. A privacización das residencias, na que estamos á cabeza, tradúcese nunha peor atención aos nosos maiores” -expuxo Sánchez-, recordando que é un dos colectivos máis vulnerables na crise provocada pola incidencia do Covid-19.

CLASE TRABALLADORA E AUTÓNOMOS

Sánchez tamén pediulle ao representante do Goberno galego que a crise económica e social que se está a derivar da expansión da pandemia “non a paguen os de sempre”. Para o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas “non pode acontecer como en 2008” e hai que conquerir “unha saída xusta”, rexeitando que Feijóo non faga aclaración de se contempla a rebaixa de cargas e impostos á xente traballadora e autónomos mentres fixo anuncio de aplazar ate xullo o imposto de sucesións, que en Galicia pagan tan só as rendas máis altas. “Vostede ve razoable aprazarlle o pago de impostos ás persoas que teñen máis dun millón de euros? Nós vemos razoable aprazarllo aos pequenos negocios” -sentenciou o deputado-.

Deste xeito, Galicia en Común-Anova Mareas urxiu ao presidente da Xunta a asumir as súas competencias, a “deixar de botar balóns fóra” e a aprobar unha liña de axudas a fondo perdido para PEMES e autónomos. “Xa hai comunidades autónomas que aprobaron axudas directas. Por que vostede non o fai?” -preguntou Sánchez-, instándolle ademáis ao responsable do Goberno galego a elaborar uns novos orzamentos co consenso de todas as forzas parlamentarias. Un documento que debería incluir medidas de redistribución fiscal para “que pague quen máis teña” para afrontar a crise derivada do impacto da pandemia.

DEJA UNA RESPUESTA