O Grupo Común da Esquerda defenderá no vindeiro Pleno do Parlamento unha emenda de devolución da Lei de Ordenación do Territorio, ao considerala un claro exemplo de como “Feijóo goberna contra a maioría, facendo un dano enorme a Galicia”, segundo explicou o voceiro Antón Sánchez. “Esta lei é unha boa mostra do fracaso do goberno de Feijóo e do dano que fixo nestes dez anos”, criticou. Sánchez explicou que se vai actualizar unha lei de 1995 que buscaba reequilibrar o país, rematar coa tendencia ao envellecemento e abandono do rural e coordinar as administración para desenvolver servizos de calidade. “25 anos despois temos un país con maior desequilibrio e cunha dinámica demográfica perigosa”, destacou, lembrando que o 85% dos concellos perderon habitantes dende que goberna Feijóo, e Galicia perdeu máis de dez mil ao ano de media durante a última década, “o que é un síntoma de que non hai oportunidades para a xente moza. Isto que ten que ver cos recortes e coa política económica deste goberno”.

“Ante este fracaso, Feijóo non fai ningún balance crítico e agudiza o sesgo da aplicación da lei”, continuou o voceiro. Así, valorou que a norma “foi moi útil para as eléctricas. O 85% dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, un dos instrumentos que recollía a lei, foron utilizados para facer parques eólicos, liñas de alta tensión, repotenciacións ou centrais hidroeléctricas, pasando por enriba dos concellos e da xente, que non poden opinar nin decidir sobre se lle poñen un parque eólico ao lado da casa. Todo para rematar cun sector eólico que facturou 700 millóns de euros no último ano e o 90% pertence a capital estranxeiro de eléctricas, bancos ou fondos voitre. É dicir, Feijóo está aplicando o modelo do espolio cos nosos recursos”.

https://ci4.googleusercontent.com/proxy/DcwinvcSpsPB8EJK6PTKUCaCSCJp6n8CUeAhLoCEqJHzaibLSwHEGBO3BEU-91e1toEk4Uqe3edjNfuJvH-lVm467g863dFwfVAI6COYyiteCDyChVmtFfrOHf4XAyxp8SXuuZMb_pijZCPO9b57x4ltx871gy6kylKmS-ccyo0=s0-d-e1-ft#https://gallery.mailchimp.com/90feefff6a9b54da70e189b14/_compresseds/e26d9c6d-c111-4735-8490-5c2d70eba2e3.jpg

Lonxe de corrixir esta tendencia, Antón Sánchez alertou de que “a lei que pretenden aprobar daralle máis ferramentas aínda a estas empresas”. Fronte a isto, incidiu en que “a xente estase organizando, o rural quere ter futuro e está xurdindo unha rede de defensa do territorio por todo o país en contra das agresións destes proxectos, que non teñen en conta á xente, a sustentabilidade nin o equilibrio territorial”. Nembargantes, “Feijóo, en lugar de escoitar a esta xente, reduce aínda máis as ferramentas de defensa que ten. Así, aproba, en substitución dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, proxectos de interese autonómico, incluso non previstos, amordazando máis á xente e aos concellos. Cando Feijóo fala de simplificar e axilizar faino para estas grandes empresas, para o capital estranxeiro que quere facer negocio”.

Sánchez sinalou que este modelo “ten moito que ver co que lle preguntaremos a Feijóo sobre se aprendeu algo do conflito do paridoiro de Verín. Tivo que recuar ante a presión e a mobilización da xente que viu en Verín que esa era a pinga que colmaba un vaso despois de moitos anos de recortar dereitos á xente que vive no rural e de recortar a sanidade pública para beneficiar a privada, que baitu récords de negocio en Galicia no último ano”. Para o voceiro “non é casualidade porque as políticas de Feijóo empurran a ter que utilizar a sanidade privada polos recortes na pública. Veremos se está disposto a seguir gobernando en contra da xente”. Ademais, salientou a necesidade de “saír do círculo vicioso ao que nos levan as políticas do PP”, e por iso o Grupo Común da Esquerda tamén presentará unha interpelación sobre as intencións do goberno galego cos hospitais comarcais.

Por outra banda, Antón Sánchez sinalou que tamén “queremos que a conselleira de Medio Ambiente se explique sobre a Mina de Touro, algo que forma parte tamén dese modelo insostible e irracional, que non procura o interese xeral. A desta mina é unha actividade extractivista a curto prazo e baseada na especulación. Non xera emprego estable e provoca graves impactos ambientais que temos que asumir todas e todos, tamén no económico”. Como exemplo disto, citou o caso das balsas de Monte Neme, que tras a explotación realizada por unha empresa implicada na Gürtel, vai custar 794.000 euros de diñeiro público restaurar ese espazo. “Na mina de Touro está sucedendo o mesmo, hai impactos que imos ter que solucionar cos recursos de todos. Non imos aceptar o proxecto da mina, que se basea unha vez máis na privatización dos beneficios e socialización das perdas”, sinalou Sánchez. Ademais, lembrou que segundo a lei a este proxecto xa se lle debera ter dado carpetazo, pero “a Xunta empéñase en darlle unha oportunidade tras outra”.

Por último, Sánchez destacou a iniciativa que presenta o grupo relativa á intermodal de Ourense. “Estase tratando de darlle para adiante a un proxecto de segunda para Ourense. Non se pode permitir e xa hai creada unha plataforma en contra desta intermodal, que dificultará a mobilidade e a calidade de vida da xente”.