Anova denuncia que a presentación do documento “Enerxía eólica e paisaxes culturais” deixa ao descuberto a nefasta política do Partido Popular, que fomenta a “desprotección da paisaxe, do patrimonio e da biodiversidade”.

O portavoz nacional de Anova Antón Sánchez nunha visita á veciñanza afectada polos proxectos eólicos de Endesa en Paradela (Lugo) / Anova

Para a formación as conclusións do informe “son demoledoras” porque deixan en evidencia que a política eólica do Goberno Feijóo e insustentable e depredadora e comenza sinalando o que Anova ven propoñendo dende hai tempo, que o Plan Sectorial Eólico de 1997, revisado por derradeira vez en 2002, está obsoleto e non pasou por un procedemento de avaliación ambiental estratéxica que posibilite a avaliación conxunta do despregue de estacións eólicas previsto, razón pola que debe paralizarse de inmediato en tanto non pase por unha revisión profunda.

O informe do CCG tamén coincide con outro feito reivindicado dende Anova, que é a previa ampliación da Rede Natura, actualmente paralizada “para defender os intereses do oligopolio que controla o negocio eólico” constituíndo na práctica “unha política de feitos consumados de ocupación de hábitats que deberan estar protexidos” xunto coa advertencia do posible efecto de discontinuidade de hábitats provocada pola ubicación de parques nos límites mesmos da Rede Natura.

Finalmente, denuncia Anova, “o que debería de ruborizar ao Goberno galego é que o informe advirte contra a práctica fraudulenta da fragmentación de parques para evitar esixencias ambientais“.

Feijóo ten que saír a dar explicacións. As conclusións, que son demoledoras coas políticas de do seu Goberno e están cheas de sentido común, coinciden co que vimos reclamando dende hai anos e son un mínimo imprescindible para unha política sustentable”, declarou o Portavoz de Anova Antón Sánchez.

Por iso o responsable político aposta por “un novo Plan Eólico adaptado a estes tempos, a súa avaliación ambiental estratéxica, unha verdadeira participación pública ou a ampliación previa da Rede Natura”, todas elas reivindicacións “que se veñen realizando nos últimos anos para evitar a depredación do territorio”.