O vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de Anova defendeu este venres na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos unha Proposición non de Lei na que se instaba ao Goberno da Xunta a tomar medidas para garantir a seguridade das persoas e protexer o medio ambiente na explotación mineira abandoada entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños.

O deputado Antón Sánchez durante a súa intervención na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galicia / Grupo Común da Esquerda

Sánchez destacou que a situación do Monte Neme, logo do seu abandono por parte da empresa Leitosa «non é unha excepción no país» senón «a norma» dentro da política mineira que está a desenvolver o Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

«Sexa Santa Comba, Touro, San Finx, as Louseiras de Valdeorras ou o Monte Neme a norma é que as empresas explotan o recurso, fan negocio e despois vanse sen acometer a restauración dos espazos que lle foron concedidos, facendo por tanto esa política de privatizar os beneficios e socializar as perdas» -denunciou o deputado-.

Antón Sánchez destacou na súa intervención que o Monte Neme «non é un lugar calquera», senón «un lugar emblemático con carácter históricamente telúrico, sagrado e cun alto valor patrimonial e paisaxístico na zona», que en parte xa foi destruído pola actividade mineira.

O vicevoceiro recordou que na súa última época, o Monte neme foi explotado por Leitosa, unha empresa pertencente á familia Cotino «membros destacados do Partido Popular valenciano implicada na trama Gürtel» e que durante a súa actividad extractiva de seixo, recibiu máis de 600.000 euros en axudas públicas e pechou ao entrar en quebra «deixando a explotación mineira sen restaurar e sendo un perigo para a saúde das persoas e para o medio ambiente».

O deputado fixo tamén referencia ao grave accidente acaecido en febreiro de 2014 na explotación, na que rompeu unha das balsas mineiras e 24.000 metros cúbicos de auga e lodos escorreron monte abaixo cara as parroquias de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica de Bergantiños) «no que puido ser unha traxedia». A empresa non se fixo cargo da restauración deses danos e a Xunta iniciou un litixio coa aseguradora AXA para ver quen se facía cargo dos 140.000 euros que costou acometer os danos provocados polo accidente. «Despois dese litixio a Xunta conseguiu recuperar polo momento 6.000 euros» -expuxo-.

Antón Sánchez recordou que as únicas medidas que tomou a Xunta de Galicia para evitar danos ás persoas e ao medio ambiente foron as de colocar uns carteis de prohibición de acceso e que este verán o caso do Monte Neme chegou a ter unha dimensión mundial logo de que varias persoas necesitasen atención médica logo de bañarse en algunhas das balsas mineiras. «Non sabemos a qué se espera para actuar despois de cinco anos de que esto pasase e ans despois de que a empresa Leitosa quebrase. É urxente tomar as medidas necesarias para garantir a saúde e a seguridade das persoas no lugar» -insistiu-.

«O que pedimos nesta iniciativa é algo propio de calquera Goberno responsable, que é garantir a seguridade da cidadanía e do medio ambiente. Porque o Monte Neme non pode seguir sendo unha fonte de perigo para as persoas e unha fonte de contaminación, como siguen sendo actualmente os restos desa explotación» -afirmou o vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda-.

«Si a Xunta non é capaz, e non foi capaz ata o de agora, de que a empresa acometa cos seus fondos esa restauración terá que asumir responsabilidades, terá que dicir porqué non se lle requeriu un aval para facer frente a esta situación como di a Lei de Minería de Galicia. Terán que asumir responsabilidades aqueles que permiten que uns fagan negocio privado e os cidadáns e ás cidadás paguemos a desfeita que deixan, e terá actuar despois para intentar que non sexa gravoso para a facenda pública» -sinalou-.

Antón Sánchez recordou que no Monte Neme «o primeiro é a seguridade e a saúde das persoas e o medio ambiente» polo que o Goberno da Xunta «ten que mudar dunha vez por todas todas esas políticas mineiras de conivencia con estas actuacións, ou de amparo destas actuacións».

«A Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas co Sr. Tahoces imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental teñen que deixar de colaborar coas empresas e de obstaculizar a labor dos colectivos e dos cidadáns que están a facer o traballo que debería de facer a súa Dirección Xeral ou o Goberno galego, e que non o están facendo, para garantir o cumprimento da Lei, para garantir que non pasen cousas como en Monte Neme, nin en Santa Comba, nin en Touro, nin nas louseiras de Valdeorras que está probado que pasou o mesmo» -criticou o deputado-.

«Son vostedes a cova de Alí Babá. Ademáis como son 41, 40 máis Feijóo dálles perfecto o número: Alí Babá y los 40 ladrones. Están roubando a mans cheas o erario público, porque vamos a ter que acometer todos os galegos e as galegas o que vostedes consentiron por irresponsables ou coniventes. É dicir, pagar unha restauración que a Cámara Mineira estima en 1,5 millóns de euros con diñeiro público para que non o paguen os seus amigos da trama Gürtel, e eso é unha realidade, xa se poden poñer como queiran, xa poden dicir que é unha norma neste país, aínda peor» -denunciou-.

«Non hai excusas, o que hai que facer é actuar. Si vostedes non fixeron ben o seu traballo, non pediron garantías e a empresa pode irse cas mans limpas sin ter que pagar un euro é responsabilidade súa e non da xente que corre perigo por culpa destas actuacións. É moi triste a posición dun grupo de Goberno que nin siquiera é capaz de instar ao Goberno da Xunta de Galicia a cumprir a legalidade, moi triste» -sentenciou Antón Sánchez na súa intervención.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario