O portavoz de Anova denuncia a “cidadanía de segunda” e considera indignantes as insinuacións de Greenalia Wind Power incluídas na documentación do parque eólico O Cerqueiral situado entre os concellos coruñeses de Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba, e que actualmente se atopa en proceso de información pública.

Antón Sánchez fai unha cita literal do Proxecto Sectorial “dunha das empresas que máis megavarios está a tramitar en Galiza” e na que “dende hai un ano traballa a ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato”, excelentemente ben pagada “polos servizos prestados” durante a súa época de responsable pública.

O texto ven dicir que a molestia polos ruídos é moderada non en función de como afecta ás persoas que viven neses núcleos de poboación, senón en función do tamaño dos núcleos e da carencia de servizos neles.
“É dicir, que a xente que vive neles non ten o mesmo dereito a disfrutar dun entorno coas mesmas condicións que calquera cidadán porque viven nun territorio a sacrificar para que un grupo de empresas se lucren amparadas polo Goberno galego” -afirma o voceiro-.
Sánchez recorda que, neste senso, os colectivos de defensa do territorio surxidos polo alto e ancho do territorio acertan ao definir o rural galego como “Territorio de sacrificio” porque “hai xente que sobra, que non ten os mesmos dereitos porque estorba a este gran negocio”, unha xente que, en ningún caso, “debería estar soa”.
“A xente que non vivimos nos lugares onde se expropia a favor de grandes empresas amparándose nun interés público fraudulento tamén estamos afectados por este sistema” -denuncia-, “porque o que está a acontecer diante dos nosos fuciños é a toma de posicións do gran capital para controlar nas seguintes décadas o sector enerxético bai baixo unha falsaria propaganda verde”, algo “esencialmente grave porque dende hai anos algunha xente ven defendendo que a transición enerxética non é só mudar o carbón polo vento, senón a oportunidade de democratizar un sector estratéxico fundamental para as nosas vidas, algo que se trunca nestes momentos pola porta de atrás”.