Para o grupo parlamentario En Marea os tres casos que vimos de coñecer sobre a “corrupción institucionalizada do Partido Popular de Galicia non poden pasar desapercibidos no medio do espectáculo da campaña”. Por iso, o vicevoceiro Antón Sánchez anunciaba esta mañá trala Xunta de Voceiros que este contexto xeral dun “PPdeG podre” centrarán o debate do grupo no vindeiro pleno do 29 e 30 de maio na Cámara galega.

Previa á sesión ordinaria, terá lugar un pleno extraordinario para debater a situación da Valedora do Pobo, que continúa no seu cargo malia ratificar o Tribunal Supremo que actuou con arbitrariedade e desvío de poder ao colocar a unha irmá de Pedro Puy na institución. “Esta Valedora que antes de selo participaba en tertulias de radio como simpatizante do PP no pode continuar no cargo un día máis”, sinalou Sánchez, que considera que o que está facendo o PP con este tema  é “rirse da xente e faltarnos ao respecto”.

Sánchez tamén quixo poñer o foco na detención do “que foi o capo de Xóvenes Agricultores ata hai pouco tempo”, en relación a Juan Pérez Miramontes, encarcerado como suposto líder dunha rede de trata de brancas. “O home forte do PPdeG no rural, que empregaba fondos publicos para vivir a todo trapo e ter un iate, para recadar votos para o PP de Fraga e de Feijóo, o home que viaxaba en iate con Rajoy, con Ana Pastor e Louzan e que foi foi o principal ariete contra as reclamacións dos gandeiros, facendo contracampañas con diñeiro público”.

E o terceiro caso que demostra o modus operandi corrupto do PPdeG, é segundo Antón Sánchez, a imputación por prevaricación ambiental do Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, a quen acusa de someter o país a un auténtico “saqueo” para entregarllo a unhas poucas empresas, “algo que se agudiza nos parques eólicos de nova xeración”. “E aí hai un nome propio, o señor Tahoces, que agora terá que comparecer ante a xustiza pola mina de San Finx, pero que está permitindo por todo o país que empresas contaminen impunemente, en moitos casos eximíndoas de presentar estudos de impacto ambiental”.

Mentres todo isto acontece, “a prioridade para o PP é defender os amigos do consello de administración de ENCE”, sinala Antón Sánchez en referencia á axenda do grupo popular para o vindeiro pleno. “Non se moven para garantir o dereito á vivenda, non se moveron pola transaferencia da AP9 cando gobernaron no Estado, móvense cando periga o negocio para os seus amigos no Consello de Administración de ENCE”, e engadiu que “o PP chegou a levar no seu programa quitar ENCE da ría e traizoou o dereito deste país a ter a última palabra cando calou mentres o PP no Congreso reformaba a Lei de Costas roubándolle esta decisión aos galegos”.

O dereito á vivenda baleira, a preocupación sobre a atención sanitaria para garantir os dereitos das persoas en fase terminal, ou o modelo fracasado de prevención e extinción de incendios serán outras iniciativas que trasladará o grupo parlamentario En Marea ao pleno da próxima semana. “Iniciativas de carácter social encamiñadas a rachar coas desigualdades e os recortes de dereitos”, concluíu Antón Sánchez.