Antón Sánchez: «O da mina de Touro é un proxecto aberrante que só se explica pola actitude de conivencia do PP coas grandes empresas»

O vicevoceiro de En Marea e portavoz nacional de Anova reclama a posta en marcha por parte da Xunta do Plan Sectorial de Actividades Extractivas para evitar situacións prexudiciais para o medio ambiente e contrarias ao interés xeral.

Desfeita ambiental provocada pola antiga actividade mineira en Touro / Creative Commons

«Precisamos un instrumento de planificación que diga onde se poden instalar minas e onde son incompatibles coa actividade gandeira, o turismo ou a economía«, precisou o deputado, que vén de rexistrar unha iniciativa para reclamar un PSAEG, logo dun informe do Defensor del Pueblo que alerta da «omisión inxustificada» do instrumento administrativo «a través do cal debe ordenarse o sector mineiro na comunidade autónoma garantindo a sostibilidade do aproveitamento, é dicir, a súa compatibilidade coa protección do medio ambiente, a súa conformidade coa ordenación territorial e os usos do chan e coa ponderación dos distintos intereses que concorren no desenvolvemento económico e social do territorio”.

Sánchez recordou asemade que o PSAEG leva sen aprobarse dende o ano 2008, cando entrou en vigor a Lei 3/2008, de ordenación da minería de Galicia, no que supón unha evidencia máis «dunha administración que traballa para as sucesivas empresas que explotaron a mina de Touro e non a prol do interese público».

«Sabemos que o PP non quere elaborar este plan porque iso significa acabar coa politica de barra libre, que pretende seguir aplicando en Touro, un proxecto aberrante que só se explica pola actitude de connivencia do PP coas grandes empresas» -sentenciou o deputado-.

NOVA PETICIÓN DE DIMISIÓN A ÁNGEL BERNARDO TAHOCES

Na rolda de prensa ofrecida o mércores no Parlamento, Antón Sánchez reiterou tamén a petición de dimisión do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Barnardo Tahoces, actualmente imputado pola falta de control da Xunta sobre a contaminación da mina de San Finx en Lousame, considerando que a realidade está a demostrar que os de Touro e San Finx  «non son casos illados, senón que respoden a décadas de barra libre e de graves incumprimentos da Xunta na súa labor de control da actividade mineira». De feito, como recoñece o informe do Defensor del Pueblo, «en 5 dos ultimos 10 anos non se fixo ningunha inspección na mina de Touro e entre 2011 e 2014 a información achegada sobre a contaminación dos acuíferos é excesivamente escueta».

Segundo expuxo o vicevoceiro de En Marea, outro dos elementos sobre os que alerta o ditame do Defensor del Pueblo é o feito de que entre 1988 e 1993 non se acreditou actividade mineira en Touro polo que, tal e como recoñece a institución, a Xunta debería ter sancionado a empresa por non presentar o seu plan de labores anual e iniciar un expediente de caducidade da concesión. «Unha actitude neglixente da Xunta», segundo Antón Sánchez, que se refire a Touro «pero é unha mostra máis do que fai o PP en toda Galicia, demostrando desprezo pola legalidade, polo medio ambiente e polo interese xeral».

 


Necesitamos tu ayuda para seguir adelante con el periodismo crítico, ayúdanos a no tener que depender de publicidad externa y que Contrainformación sea solo de sus lectores. Con 1, 2, o 3 euros al mes nos ayudarás a seguir mostrándote nuestros artículos críticos.

Ayúdanos a seguir ofreciendo Contrainformación.

Deja un comentario