O portavoz nacional de Anova e deputado vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea Antón Sánchez fixo público este martes os asuntos que se tratarán na próxima convocatoria do pleno do Parlamento galego, entre outros, a problemática do sector eólico e os negativos efectos da nova lexislación que pretende impoñer o PP, que no só non protexe, senón que «desampara» o patrimonio natural.

O deputado Antón Sánchez denuncia o «espolio eólico» que as grandes empresas están a levar en territorio galego coa conivencia das políticas do Partido Popular / youtube.es

Para Sánchez, o «espolio eólico» que a Xunta está a levar a cabo «de maneira sistemática» supón «un desprezo polos recursos que son de todos e unha utilización dos mesmos para favorecer intereses privados». Ademáis, «a situación do sector eólico é sintomática» do que acontece a nivel do tecido industrial galego «onde o Goberno pon por diante os intereses das empresas aos da xente».

O deputado, que foi peza clave estes días para conseguir a paralización das obras ilegais do parque eólico «Serra do Oribio» no macizo lugués de O Courel, asegurou que neste momento, a política industrial desenvolvida polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo non está a reverter «na mellora da economía da xente», podéndose tomar como exemplo o sector eólico, onde os beneficios deberían redundar na mellora das condicións de vida na poboación do rural e «acaban en mans de grandes empresas e fondos voitre», con algúns estudos que sinalan que «menos do 3% dos beneficios destas eólicas quedan en Galicia». Segundo Sánchez, «xa sufrimos o espolio do lignito, da ocupación dos ríos e agora do vento e sempre co mesmo sistema: favorecendo as as empresas, prexudicando ao medio natural e deixando á xente coa factura da luz máis cara», denunciando que tanto a patronal eólica como a Xunta de galicia veñen de anunciar as súas intencións para o futuro, que son «triplicar a potencia instalada en galicia» o que supón «triplicar o roubo nun sector que podería servir para mellorar as rendas da xente»

En canto á Lei de Patrimonio Natural, o deputado considera que é unha norma que tal como está plantexada «desampara» totalmente ao patrimonio natural galego e non protexe os seus recursos. «Na proposta de lei se esixe que para que unha zona sexa declarada parque natural e conte con esta protección deberá reunir 10.000 hectáreas» co que por exemplo «as Fragas do Eume non contarían hoxe coa protección de parque natural e cinco dos parques naturais existentes tampouco poderían estar protexidos por esta figura» -afirmou Antón Sánchez-.

A maiores, no próximo pleno tratarase tamén no plano ambiental o proxecto de trasladar os lodos do Lérez á Illa de Sálvora e a alarma creada por este motivo nas comunidades pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e a situación da atención primaria e a polémica creada pola proba de selectividade.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario