O vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de Anova denuncia nun artigo de opinión que «Galiza está a sufrir actualmente o espolio do seu vento e do seu territorio a través da explotación dos seus recursos naturais e a colonización do rural por parte de eléctricas, bancos, fondos voitres e constructoras que se reparten o pastel do negocio eólico».

O deputado Antón Sánchez nunha recente visita á veciñanza afectada polos parques eólicos de Endesa en Paradela (Lugo) / Grupo Común da Esquerda

No texto, publicado no dixital Praza Pública, o deputado recorda que as grandes eléctricas, logo de explotar -e esgotar o lignito- nas últimas tres décadas, e de ocupar tamén os ríos coa implantación masiva de centrais hidroeléctricas, están a «facerse de ouro» cunha electricidade regulada «para espremer os beneficios a prol dun oligopolio que pouco ten que ver cos intereses da maioría social.

Antón Sánchez considera que o espolio eólico é «un dos maiores escándalos políticos que está a acontecer hoxe en Galiza», considerándoo «moito máis grave» que «o roubo que supuxo a privatización a prezo de amigo da AP-9».

Para o vicevoceiro a actual situación «furta unha das posibilidades» de dinamizar o rural galego, que considera «necesitado de solucións que xeren riqueza e emprego». Por iso defende «un sector eólico en mans da xente, con formas de organización comunitarias, activando cooperativas ou implementando a participación pública», o que podría supoñer «unha fonte de ingresos moi importante» para Galiza dada a facturación actual do sector eólico, que xera anualmente un 600 millóns de euros cunhas grandes marxes de beneficio.

Sánchez indica que a riqueza xerada pola enexía eólica a nivel galego «non se reparte de forma equilibrada e beneficiando a xente», pois os estudos falan de que entre o pago do canon eólico, os impostos municipais e os arrendamentos aos propietarios a cantidade restante dos beneficios non sobrepasa o 6% da facturación, mentres máis do 90% deste xugoso negocio acaba en mans de empresas estranxeiras e conglomerados de fondos voitres, bancos, construtoras e eléctricas.

O deputado considera «escandalosa» a situación porque se lle están a regalar os beneficios aos integrantes destes conglomerados a partir de leis elaboradas no Parlamento galego «que deberan velar polo interese xeral», defendendo os intereses da cidanía e das maiorías e entendendo «que os recursos naturais coma o territorio ou o vento son propiedade de todas e todos nós».

Para Sánchez, moi crítico coas políticas do PP de Alberto Núñez Feijóo no Goberno da Xunta, non se trata dunha situación casual, senón «da posta en marcha de políticas de saqueo do público», deseñadas «para privatizar os beneficios e socializar as perdas e os impactos ecolóxicos negativos». Esta socialización de perdas e impactos sociais, para o deputado «ten en Galiza unha cara descarnada, que se manifesta mediante o descontrol e a desprotección da xente e do medio natural, do patrimonio e da cultura».

O responsable político denuncia que o actual Executivo galego «da man libre» para que os «especuladores da enerxía» dispoñan dos mellores emprazamentos «para facer negocio», non dubidando en bloquear e paralizar a aprobación das Directrices da Paisaxe ou a ampliación da Rede Natura. «Todo vale para garantir a consolidación dos parques eólicos» -afirma-.

Por iso, Antón Sánchez aposta por unha nova política de desenvolvemento das enerxías renovables e particularmente da eólica «baseada no respecto escrupuloso ás persoas e ao medio ambiente, á paisaxe e ao patrimonio cultural» na que os resultados «revirtan no público e na xente do rural, democratizando a enerxía eólica e desbotando a política corrupta dos que utilizan as institucións para facer negocio sen riscos mirando ao DOG». Por iso considera fundamental «derrotar social e electoralmente a aqueles e aquelas que semellan escribir leis ao ditado de determinados intereses».