O voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, criticou este mércores que “o único proxecto de Feijóo para o rural é o espolio” e que o seu periodo de goberno foi unha “década negra”. Na sesión de control no Pleno do Parlamento, Sánchez sinalou que é “unha vergoña que sigan dicindo que é a lexislatura do rural cando o seu único proxecto é a liquidación e a obsolescencia programada. O seu cinismo non ten límites”.

Para amosar a falsidade desa afirmación do presidente, Sánchez comezou citando que “desde que chegou vostede destruíuse 1 de cada 4 empregos do sector agrogandeiro e forestal. Case 20 mil empregos destruídos polas súas políticas”. No que respecta á tendencia ao despoboamento e abandono do rural, “os datos do seu goberno din que se acentuou este abandono, como indica a densidade das zonas pouco poboadas”.

No que atinxe á mobilidade de terras, Antón Sánchez, afeou que Feijóo “non vai cumprir a súa palabra e non vai rematar as 132 concentracións parcelarias anunciadas. Minte unha vez máis”. Ademais, o voceiro destacou que Galicia importa ao ano máis de 200 millóns de euros en cereais que se podían producir “nesas terras abandonadas e reforestadas porque foi incapaz de facer políticas de mobilización da terra. Galicia perde máis de 10 mil hectáreas de superficie agraria útil ao ano. Os gandeiros galegos compiten en inferioridade con outros países porque vostedes non fixeron os deberes e non temos un país ordenado. Non temos un mapa de solos de aptitude agronómica, que é a base para facer políticas de ordenación do territorio”. Sánchez tamén alertou sobre  o incremento do abandono das terras e “onte coñecemos un estudo que di que se seguirán perdendo. Lidera unha vez máis unha estadística negativa”.

Do mesmo xeito, o voceiro incidiu en que “non hai unha solución eficiente á xestión conxunta do monte. Tiñan as sociedades de fomento forestal para facelo e consituíron dez en dez anos, o que representa o 0,1% da superficie. É un ridículo espantoso”. Por último, considerou que “non se aposta pola investigación agraria” porque o centro de referencia nesta materia, situado en Mabegondo, ten 22 prazas, das cales 11 están vacantes e “Feijóo non ten intención de cubrilas”.

Á luz de todos estes datos, Sánchez concluíu que “o seu único proxecto para o rural é o espolio. Traballan para baleiralo de xente e que veñan outros a espoliar os nosos recursos naturais”. Xa na quenda de réplica, o voceiro lamentou a actitude de Feijóo e respondeu que “foi incapaz de falar en serio porque sabe que non ten defensa posible” ante todas as cuestións citadas. “É unha fraude, unha lacra e unha praga para o rural”.

Antón Sánchez tamén lembrou durante o debate que “no último pleno fun chamado á orde por falar do tipo de censura que practica Feijóo. Ao día seguinte coñecemos unha instrucción do seu goberno prohibindo os cartaces reivindicativos nos centros de saúde e nos hospitais. Non me gusta que me dean a razón nestes casos, pero é vostede un censor”, reafirmou. “É a única arma política que lle queda para defenderse das nefastas políticas destes anos, pero non vai calar os profesionais nin a cidadanía, que está en contra da privatización da sanidade. Por iso este domingo haberá un berro unánime”, destacou, en referencia á manifestación convocada en Compostela.

Do mesmo xeito, Sánchez salientou que “despois de coñecer que o goberno de Rajoy utilizou 500 mil euros de fondos reservados para defender o PP da caixa b, seguirei recibindo chamadas á orde por dicir que o PP é un partido estruturalmente corrupto. Os feitos falan por vostedes”.