Antón Sánchez: “Opoñémonos ao proxecto de reapertura da mina de Touro por simbolizar un modelo de desenvolvemento que non queremos para este país”

0
9
O portavoz nacional de Anova Antón Sánchez durante a súa visita a Touro / Anova

O portavoz nacional de Anova rexeita de vez os plantexamentos de Cobre San Rafael e recorda que o máis urxente é restaurar ambientalmente a desfeita ambiental provocada na extensa zona fluvial afectada pola antiga explotación.

O portavoz nacional de Anova Antón Sánchez durante a súa visita a Touro / Anova

O voceiro da Irmandade Nacionalista Anova puido comprobar estes días de primeira man a situación cando acompañado do deputado provincial da Marea Atlántica Alberto Lema visitou a zona, efectuando xunto con activistas da comarca un percorrido no que puideron verificar a magnitude da afección sobre augas e solos.

A formación considera que que o estado dos leitos de ríos e regos de toda a bisbarra é especialmente grave, polo que a intención de retomar o proxecto por parte de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas a partir da súa instrumental conxunta Cobre San Rafael consideran que “é de todo inadmisible”.

A mina de Touro explotouse a ceo aberto por Riotinto Patiño dende 1970 para a obtención de cobre e outros minerais a partir de concentrado ocupando máis de 600 hectáreas e finalizando labores en 1988 sen ningún tipo de restauración, deixando expostas grandes entulleiras cuxa meteorización provocou a solubilización e liberación de metais ao medio como cobre, ferro, níquel, cromo, plomo e zinc provocando a que actualmente está a ser a maior desfeita ambiental existente a nivel galego.

As drenaxes acedas procedentes da mina de Touro afectan a unha extensa área da bacia do río Ulla provocando a súa contaminación / Anova

Esta situación, na que as drenaxes acedas contaminaron con metais pesados e outras substancias tóxicas unha área de gran extensión e todos os cursos fluviais da zona, só puido ser posible, segundo denuncia Anova, “co absoluto desleixo e complicidade do Goberno local e a Xunta de Galicia”. A resultas disto a contaminación, como constantan diversos estudos científicos, remata na bacia do Ulla, alcanzando finalmente a ría de Arousa e afectando á actividade pesqueira e marisqueira da que dependen miles de familias.

“Touro é un exemplo perfecto de malas prácticas tanto na xestión dos residuos da antiga explotación como de planificación urbana. É inexplicable comprobar como se construíron edificios públicos sobre acuíferos e solos contaminados, poñendo en risco a saúde das persoas usuarias dos mesmos. Cómpre actuar canto antes para rexenerar a área” -valorou o deputado provincial da Marea Atlántica Alberto Lema-.

Antón Sánchez e Alberto Lema, deputado provincial da Marea Atlántica, cun grupo de activistas medioambientais / Anova

Opoñémonos ao proxecto de reapertura da mina de Touro por simbolizar un modelo de desenvolvemento que non queremos para este país, que ademáis o tempo demostrou que é o causante de moitos dos seus males. Un modelo baseado en vender os nosos recursos naturais a multinacionais estranxeiras que xeran actividades de pouco valor, pouco emprego de calidade pero sen embargo sí deixan numerosos impactos e un legado ambiental inasumible” -declarou pola súa banda Antón Sánchez-.

Para Anova, fronte a este modelo “depredador dos recursos” érguese un ben distinto, que é o que defenden as miles de persoas que na comarca afectada e por toda Galiza loitan polo seu traballo diario, como a xente do campo e do mar, que viven de “actividades sostibles no tempo, respectuosas coa contorna e que sí xeran valor engadido para as comunidades”. Xentes que “queren á súa terra porque viven nela e queren seguir a vivir nela”.

O modelo que defendemos é a posibilidade de que este país traballe en base ás súas propias riquezas endóxenas, pero que estas pervivan paras as xeracións futuras, algo que é de todo incompatible coa megaminería contaminante que defende o Partido Popular como suposta fonte de creación de riqueza, algo que ao final se demostra como incompatible coa protección do territorio debido ás prácticas neglixentes das empresas toleradas polo Goberno Feijóo” -sentenciou o voceiro de Anova-.