O deputado ven de analizar nunha entrevista radiofónica no espazo “Voces de Lugo” a situación que atravesa a controvertida xestión do sector eólico favorecido polo Goberno do PP na Xunta, urxindo ante o descontrol existente a elaborar un novo plan sectorial como “instrumento de planificación e racionalización” da explotación do vento.
Sánchez, viceportavoz do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova denunciou o modelo de desenvolvemento eólico do Partido Popular, un modelo que considera “entrega os nosos recursos naturais e o noso territorio a grandes conglomerados de fondos voitre, bancos, construtoras e eléctricas”, axentes económicos “que se están a facer de ouro” a costa dun recurso natural como é o vento demostrando en moitos casos “unha total falla de respecto” polo patrimonio natural, cultural, a paisaxe e a xente que vive no rural, como está a pasar nos proyectos eólicos de Paradela ou na Serra do Oribio.
Recordou o deputado que estes dous casos son algúns “dos moitos exemplos” que está a haber por todo o territorio galego. “Aquí en Galiza cononizaron, esgotaron o noso lignito con dúas térmicas que en 30 anos esgotaron ese recurso para que determinadas empresas do oligopolio fixesen grandes negocios, ocuparon os nosos ríos, agasallados tamén ás empresas eléctricas que ocupan os ríos para facer negocio e agora pois estamos incidindo máis pois en entregarlle o país e o rural a estas empresas” -afirmou Antón Sánchez-.
O responsable político considera que “outro modelo de desenvolvemento máis democrático e en mans da xente” é posible, o que serviría “para deixar rendas económicas nun rural moi necesitado de alternativas económicas”, recordando que o negocio do vento factura uns 600 millóns de euros cada ano, en a meirande parte en zonas rurais. “Por exemplo, os parues eólicos de Paradela facturarán en torno aos 10 millóns de euros anuais. A ver qué industria que se asente no rural pode facturar iso. Pois nós cremos que iso debería de reverter moito máis na xente do rural, na xente do país” -expuxo o deputado-.
Para Sánchez “a enerxía é necesaria” pero o caso galego hai que analizalo “dende un punto de vista propio” dado que “Galiza exporta aproximadamente un tercio da enerxía que produce todos os anos” e “non ten problema para cumprir cos obxectivos da Unión Europea de enerxías renovables porque ten moita instalada. Polo tanto non é unha prioridade para os galegos e as galegas instalar sí ou sí parques eólicos a calquera rezo” -considerou-.
O deputado aposta por unha política do sector eólico “moito máis racional, planificada en base aos intereses da maioría” e que teña un respecto escrupuloso polo patrimonio natural e cultural, que estivese en mans da xente “a través dunha participación pública da Xunta de Galicia, dos concellos ou das propias persoas que se organicen en cooperativas”. Para Sánchez “si non é así é porque non hai vontade política e porque dende os gobernos o que se lles entrega é o negocio a determinadas empresas. Isto chámase corrupción e iso é o que hai aquí, como se fixo coa AP-9, só que é moito máis grave isto porque estamos a falar de que non son empresarios que asumen orisco dunha actividade na que teñen un bo facer ou teñen moitos anos de experiencia, senón os Florentino Pérez ou o capital saudí os que fan negocio a costa dun recurso que é natural, o vento, así como da terra de moitos e moitos propietarios galegos, e as leis que en teoría deben de facer parlamentos que busquen o interés xeral”.
Neste senso, para Antón Sánchez, “Galiza non ten unha obriga nen unha necesidade imperiosa de inundar todo o país con parques eólicos” e recorda o caso de Euskadi “un país que crea moito emprego en moita riqueza cos eólicos pero non os instala na súa terra”, insistindo en que o País Vasco “ten instalado prácticamente os mesmos megawatios” que o concello lugués de Muras, pero que sen embargo “sí desenvolve unha industria de compoñentes que crea emprego e non produce eses impactos”, o que supón “unha gran diferencia”.
Sánchez pregúntase o porqué “ten que ser unha mínima porcentaxe dos beneficios a que se quede aquí e o resto voe para fóra” e considera que “hai que ir máis alá porque despois de nada vale lamentarse”, como xa pasou con moitos dos encoros existentes en Galiza porque aínda que “calquera instalación vai a ter un impacto determinado” evidentemente “non é o mesmo que os impactos xerados sirvan para fixar poboación no rural ou para que a xente do rural viva mellor” fronte a que sirvan “para que determinados especuladores fagan negocio”.
Por iso asume que é necesario elaborar un novo plan sectorial eólico participado pola sociedade civil “como instrumento de planificación e racionalización do vento”. É dicir, dende unha perspectiva do interés xeral definir “en que zonas se poden implantar os parques eólicos e en qué zonas debe de estar vetado”, xusto nas antípodas da política sectorial que está a aplicar o Executivo de Alberto Núñez Feijóo neste eido.