O vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de anova denunciou este mércores en sede parlamentaria que o Goberno galego «deixou de construir vivenda de protección e non destina as vivendas baleiras para o aluguer social.

«Sen vivenda de protección, sen mobilizar vivenda baleira para o aluguer social, sen un parque público de alugueiro social significativo, favorecendo a actividade dos fondos voitre para que especulen coa vivenda de aluguer como fixo o seu Partido, diminuíndo a estabilidade dos arrendatarios como fixera o seu partido coa reforma da LAU, como pensa vostede garantir a todos os galegos e galegas que agora non o teñen garantido, o dereito a unha vivenda digna?», preguntou Antón Sánchez.
O deputado do Grupo Común da Esquerda lembrou que «non se poden poñer os beneficios dos especuladores por enriba dos dereitos da xente» e criticou que, tras once anos do estoupido da crise económica «a mocidade siga tendo dificultades para a súa emancipación e se estea incrementando a porcentaxe de ingresos que as rendas máis baixas adican a pagar a vivenda». Antón Sánchez expuxo tamén que, a pesar da situación existente, o Partido Popular «paralizou a construción de vivenda de protección, poñendo a Galicia á cola do Estado». «Se en 2009 en Galicia se construían unha de cada 75 vivendas de protección do Estado, en 2016 esa proporción era de unha de cada 14.000!» -engadiu-.
O Programa de Vivendas Baleiras tamén foi analizado por Antón Sánchez na súa intervención, o cal concluíu no pasado ano 2017 «cunha execución do 3,32%, cun montante executado de 10.499 euros repartidos nun total de catro axudas en todo o país». «En tres anos desde que se comezou a executar este programa só 20 vivendas se puxeron a disposición para alugueiro social a través do seu ‘programa estrela’ para a mobilización de vivenda. Un enorme fiasco. Está orgulloso?», agregou o deputado na súa pregunta.
Finalmente, na súa réplica Antón Sánchez lembrou a Alberto Núñez Feijóo que o parque público de vivendas da Xunta «non dá solución a quen o precisa, como demostra que aos veciños de Vigo se lles ofrecesen vivendas en Pontecesures; é dicir, a máis de 60 quilómetros!». «Vostede sempre está de lado de quen especula coa vivenda, sen impulsar ningunha medida para que os fondos voitre perdan o seu negocio e eximíndoos de pagar impostos», finalizou Sánchez, que levou no Parlamento unha camiseta co lema #DefendeAGalega, contra a desinformación e a manipulación na CRTVG por parte do Goberno do PP.