O deputado do Grupo Parlamentario de en Marea e portavoz nacional de Anova recordou este xoves na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia que «cando chegou o PP ao Goberno galego xa se contaba cun borrador de regulamento feito dun xeito participado do sector na época do bipartito» polo que non se entende «porque dende 2009 non deixou de haber anuncios sen que se concretasen en ningunha realidade».

Sánchez denuncia que as principais producións hortícolas seguen a baixar a nivel galego / Creative Commons

Sánchez espuxo na súa intervención que segundo a web de Medio Rural a Consellería «ten prevista unha estratexia de implantación de marca de calidade para a produción hortícola de Galicia, pero dende hai máis de dez anos non se deron pasos nesa dirección. «A característica da consellería de Medio Rural dende a chegada de Feijóo é o desleixo, a falla de iniciativas e o desmantelamento de moitos dos instrumentos que deberían servir para promover actividades agrícolas, diversificar o sector agrario e crear emprego» -denunciou o deputado-.

«O que vemos son os datos do Instituto Galego de Estatística, que din que as principais producións hortícolas seguen baixando, coma no caso dos feixóns, o tomate, a cebola e o repolo», indicou Sánchez, que ademáis cualificou esta situación de «drama» e de «oportunidade perdida» para o país. «A conselleira Ánxeles Vázquez fixo varias promesas de crear esta marca ou selo de calidade que amparase os nosos produtos da horta, pero non fixo nada máis que ceder terreo á especulación cos terreos hortícolas, que moitas veces se atopan en zonas periurbanas».

«Deixen de enganar ó sector», afirmou o deputado de maneira contundente, «hai que poñerse a traballar nunha marca que é fundamental para poder comercializar os produtos da horta e deixarse de dedicar tempo a xustificar o inxustificable».

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario