Este martes debateuse no Parlamento galego unha Proposición Non de Lei na que se analizaron en detalle as condicións de autorización do proxecto de Fergo Galicia Vento por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do Goberno Fejóo.

Defeita ambiental provocada polas obras do parque eólico «Serra do Oribio» / Salvemos O Iribio

Antón Sánchez, vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de Anova, foi quen defendeu a iniciativa, e comenzou recordando que dos 600 millóns de euros que factura o negocio eólico a nivel galego, máis do 90% é propiedade de capital extranxeiro, o que non serviu en absoluto para deixar riqueza no país e axudar ao desenvolvemento do rural.

«O que podía ser unha fonte de enerxía renovable, un recurso para xerar riqueza entre a xente do rural, un motor para a economía dese rural tan golpeado convértese polas políticas do Partido Popular nun negocio duns poucos privilexiados que contan cos favores da Xunta de Galicia desde hai moitos anos» -afirmou Sánchez-.

O deputado denunciou na súa intervención que a autorización por parte da Xunta do parque eólico da Serra do Oribio «é un exemplo dun xeito corrupto de entender a labor pública» que xa ven de lonxe logo do «expolio» dos ríos galegos e o esgotamento do lignito por parte das grandes eléctricas. «Agora en directo estamos sufrindo o espolio do vento -expuxo-, con leis que en teoría aproban parlamentos que en teoría buscan o interés xeral, e con gobernos que deberían velar polo interés xeral e polo ben común e que acaban en mans de construtoras, fondos voitre, bancos e eléctricas e ademáis con impactos paisaxísticos, ambientais, patrimoniais e cunha actuación dos gobernos que fan leis a medida destas empresas», recordando a polémica aprobación, «con nocturnidade e elevosía» da Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, máis coñecida como «Lei de Depredación».

Para Sánchez «só dende un Goberno que pon todos os seus recursos ao servizo dunha empresa amiga se entende a tramitación administrativa do parque eólico da Serra do Oribio», porque «ser amigo do Partido Popular facilita moito as cousas e Fergo Galicia Vento, esta empresa, goza dos favores dos deuses, pero tamén goza dos favores das administracións do Partido Popular».

O deputado considerou como «escandalosa» a tramitación administrativa do proxecto eólico, detallando que no ano 2005, e co Goberno en funcións do PP de Manuel Fraga, o entonces director xeral e Calidade e Avaliación Ambiental, José Manuel Álvarez-Campana aprobou a autorización ambiental un día despois da finalización do período de exposición pública, cunha «rapidez inaudita» para unha empresa que «só é posible cando eres moi amigo do Partido Popular».

DEFICIENTE ACCESO Á INFORMACIÓN PÚBLICA

Antón Sánchez recordou que houbo colectivos que solicitaron o acceso ao expediente en febreiro e recibiron a documentación completa oito meses despois, catro días antes de que saíse publicada no Diario Oficial de galicia a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. «Unha vez máis o Goberno da Xunta de Galicia ocultando información fundamental para coñecer si se estaban poñendo en perigo os valores desta Zona de Especial Conservación que é a Serra do Oribio e fundamental para saber si eran modificacións substanciais ou non as que se facían» -denunciou o deputado-.

«Queremos que se paralicen as obras inmediatamente e que se revise de oficio o expediente e se anule esa resolución. Non pode ser que cando se chegue a conclusión de que a tramitación administrativa foi totalmente neglixente todo o dano xa esté feito, que xa en parte xa está feito, nun lugar onde nunca debería de haber un parque eólico» -esixiu-.

«Pedimos salvar a Serra do Oribio, pedimos acabar con este modelo do espolio que pasa por riba de valores que neste país deberíamos de preservar. O noso patrimonio, a nosa natureza, a nosa paisaxe valen moito máis que todos os beneficios que vostedes poidan sacar con esta operación» -sentenciou o representante político-.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario