
O portavoz nacional da Anova-Irmandade Nacionalista sae ao paso do meteórico ascenso na enerxética da que fora responsable de Medio Ambiente do Goberno Feijóo.

Nas súas redes sociais, o responsable político recorda que Beatriz Mato traballou dende o seu posto na Consellería de Medio Ambiente para Greenalia incluso antes de ser incorporada á mesma empresa, “modificando a capacidade máxima das centrais de biomasa, aprobando a DIA da central de Teixeiro, metendo nun caixón a ampliación da Rede Natura e as Directrices da Paisaxe” ou mesmo contribuindo a aprobar a Lei 3/2017, máis coñecida “Lei de Depredación”.
Para Sánchez, esta norma aprobada polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo dende a Xunta de Galicia serviu “para allanarlle aínda máis o camiño a este conglomerado de investidores entre os que hai eléctricas, construtoras, bandos ou fondos voitre” a través da introdución de nonables cambios lexislativos no referente a proxectos eólicos, multiplicando así o negocio dos grandes conglomerados enerxéticos.
Esta semana, a compañía anunciou que o seu Consello de Administración incorporaba a Beatriz Mato Otero pasando así de catro a seis membros. Así, a que fora conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (2015-2018) e de Traballo e Benestar (2009-2015), pasaba do seu posto de directora de Desenvolvemento Corporativo de Greenalia directamente a súa cúpula, nun exemplo de libro de portas xiratorias.
Para Antón Sánchez, “é indecente utilizar as Administracións que deberan defender o interese xeral para beneficiar aos poderosos lexislando a súa medida“.