Paula Quinteiro presentou este xoves unha Proposición Non de Lei na Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, para que se garanta o dereito ao voto dos mariñeiros galegos embarcados na frota de altura ou na mariña mercante. «Entendemos que é urxente que se solucione este problema de falta de democracia. O voto é un dos piares fundamentais das normas constitucionais que se supón que nos rexen, pero segue habendo colectivos con dificultades para accederen a este dereito, como é o caso dos traballadores galegos que exercen en alta mar», defendeu a deputada do Grupo Común da Esquerda.

A PNL foi aprobada por unanimidade malia as «escusas de sempre» esgrimidas polo PP e o PSOE durante o seu debate. «Téñense pronunciado sobre o tema moitos expertos, apuntando que non se trata de falta de recursos, grazas á existencia de opcións como o DNI electrónico. É realmente un problema de vontade política: o Partido Popular e o Partido Socialista din estar de acordo para que saian titulares dicindo que o apoian, pero cando están no goberno e teñen posibilidade de facer algo non fan ningún esforzo por solucionalo», apuntou Paula Quinteiro.

Lembrou tamén que esta cuestión se ten debatido xa en numerosas ocasións sen terse atopado unha solución ao problema: «isto no ano 2001 debateuse no Congreso dos Deputados, e tamén no Parlamento se teñen aprobado cuestións de maneira unánime para facilitar o voto destes colectivos». Quinteiro finalizou recordando que no ano 2005 se puxo en marcha «un proxecto piloto que non deu resultados positivos, e así seguimos con esta discriminación, malia haber preto de 10.000 traballadores afectados».

O Grupo Común da Esquerda tamén presentou unha PNL nesta Comisión para a modificación da taxa de axudas á navegación, de xeito que se insiran exencións ao seu pagamento para a pesca artesanal e o marisqueo a flote, que foi igualmente aprobada.

Deja un comentario