No material gráfico que acompaña ao informe sobre o caso, ao que tivo acceso contrainformacion.es, pódese ver sen máscara en interiores, entre outros, a José Venancio Salcines Cristal, “senior advisor” de Atalaya Mining e Pablo Núñez Fernández, delegado do Ilustre Colegio Oficial de Geólogos (ICOG) en Galicia e traballador a soldo da mercantil Cobre San Rafael.
O pasado 25 de marzo o colectivo Arzúa Sostible alertou que “un acto de exaltación” a prol da mina de Touro na sala de festas Dona Dana, sita no mesmo concello que a antiga explotación de cobre, pasara por riba “dalgunhas das recomendacións sanitarias máis importantes da pandemia”.
O evento, organizado pola asociación instrumental da mineira Cobre San Rafael -Asociación de Mineiros Touro O Pino-, reuniu a varios centos de persoas na sala de festas xusto no momento en que Galicia estaba a presentar a máxima incidencia acumulada de coronavirus a nivel peninsular atopándose en “risco moi alto” de contaxio.
Dende Arzúa Sostible recordouse que nese momento a incidencia media acumulada a 14 días a nivel estatal subira en 25 puntos chegando aos 461 casos por 100.000 habitantes e que Galicia, cun índice de 969 era xunto con Canarias (902) o territorio máis afectado nese momento pola pandemia, alertando de que a situación seguía a ser de “extrema gravidade” ao confirmar o Ministerio de Sanidad que do martes 22 ao venres 25 de marzo rexistráronse un total de 339 pasamentos polo impacto da Covid-19.
Esta situación -sinalan- “pareceu non ser o suficientemente relevante para preocupar aos organizadores dunha festa a prol da mina de Touro” na Dona Dana, que reuniu a varios centos de persoas no seu momento álxido, “cifra diametralmente oposta ás 2.000 que pregoa a Asociación de Mineiros Touro-O Pino” e que, segundo testemuñas presenciais “non se respectaron moitas das recomendacións establecidas en relación coa pandemia”, razón pola que o colectivo ven de poñer estes feitos en coñecemento da Consellería de Sanidade.
Segundo explican, aínda que na entrada a organización entregou máscaras hixiénicas aos asistentes “durante o evento non se respectou na meirande parte dos casos a distancia social e moitos participantes renunciaron a usala en distintos momentos do acto como así o demostran moitas das imaxes e vídeos enviados por mensaxería instantánea pola veciñanza nas que fan constar o seu rexeitamento a este tipo de actitudes que supoñen unha irresponsabilidade e un risco evidente para a saúde pública”.
Nas probas gráficas enviadas, ás que tivo acceso contrainformacion.es, aparecen persoas claramente recoñecibles en interiores e sen máscara, como Venancio Salcines, “senior advisor” de Atalaya Mining ou Pablo Núñez, traballador da súa filial Cobre San Rafael e delegado do Colegio Oficial de Geólogos en Galicia.
Doutra banda, fontes veciñais sinalan que moita da xente participante non tiña relación algunha nin cos concellos de Touro e O Pino nin coa comarca de Arzúa polo que “unha vez máis demóstrase que o único que pretende a asociación instrumental da mineira Cobre San Rafael é simular un apoio e unha licenza social da que realmente carece“.