O convenio está en vigor desde o momento mesmo en que foi asinado, sen necesidade de agardar á súa publicación no DOG. Deste xeito, as empresas deben aplicar xa as medidas pactadas. O texto asinado implicará a maior suba económica nunca rexistrada no sector, cun mínimo do 22 % ao sumar a suba lineal, a terceira paga extra e o cobramento de todos os conceptos durante as vacacións. Isto, sen ter en conta os complementos de carácter variable.

Na fotografía, unha das protestas deste longo conflito
Amais da mellora en condicións económicas e sociais, tamén se remata coa precariedade e eventualidade no sector, polo que se conseguiron os grandes obxectivos fixados nas primeiras asembleas do persoal.

Alén de dar cabo dos problemas laborais, a folga tamén serviu para facer visible a realidade oculta da degradación e precariedade do servizo público. Grazas á loita, a calidade  tamén mellorará, porque se conseguiu unha dotación maior para os concursos públicos do transporte sanitario, non só para salarios, senón para aumentar o número de ambulancias e mellorar o mantemento e desinfección dos vehículos, entre outras cuestións.

Importante incremento salarial

O acordo prevé un convenio con duración ata o 2022, con suba salarial do 4 % a partir do 1 de novembro deste ano e do 3 % a partir do 1 de novembro de 2020, máis unha paga única de regularización de 500 euros nese mesmo mes. A partir do 1 de xaneiro de 2021, a suba salarial sería do 2,5 %, máis a creación dunha nova paga extraordinaria para cobrar integramente en marzo dese ano, cando xa quedaría consolidada. Xa o 1 de xaneiro de 2022, a suba sería do 3 %.

As subas salariais calcularanse a partir do salario da categoría de condutor ou condutora, e aplicaríase a mesma ao resto de categorías. Ademais, as subas aplicaranse a todos os conceptos, agás ás axudas de custo.

Segundo o comité de folga, o acordo económico asinado supón unha suba do 22 % durante o período de vixencia do convenio, contando as subas anuais, a terceira paga extra e o cobramento de todos os conceptos durante as vacacións.

Vacacións, prácticas e outros conceptos

Durante o período de vacacións, o persoal incluído neste convenio terá dereito a percibir a retribución correspondente á media de todas as percepcións do ano anterior, de acordo coa xurisprudencia comunitaria e do Tribunal Supremo. Esta fórmula de cálculo aplicarase a partir dos períodos gozados durante o ano 2019.

No que atangue aos contratos en prácticas, as partes acordan fixar un salario superior ao recollido no Estatuto dos Traballadores, alén dunha porcentaxe de transformación en indefinidos durante a vixencia do convenio.

Por último, incorporaranse ao convenio todos os contidos cuxa negociación estaba aceptada polas partes antes do inicio do conflito colectivo.