Hoxe espertamos ca nova dun ataque a un comercio de Touro rexentado por un integrante da plataforma Mina Touro O Pino Non. Dende a chegada de Cobre San Rafael ó municipio a convivencia entre a veciñanza foise deteriorando pouco a pouco, como así o demostra este último feito.

Todo comezou ca creación de numerosos perfís falsos creados nas redes sociais por parte de persoas asociadas á promotora da mina, os cales inundan os post da plataforma veciñal con provocacións e comentarios tendenciosos que buscan a confrontación e rozan o absurdo. Os bots promineiros intentan xerar polémica a través do argumentario populista (manipulación nas escolas, financiación dos grupos contrarios etc) e mesmo chegan a publicar datos persoais de persoas que amosan públicamente o seu rexeitamento ó proxecto.

Máis tarde chegaron as declaracións incendiarias do director do proxecto Touro, Alberto Lavandeira, o cal tildou de iluminarios e politizados a centos de veciños que temen pola supervivencia do municipio e pola súa vida propia. A estratexia da empresa non foi contrarestada polos gobernos municipais de Touro e O Pino en prol da convivencia pacífica. O alcalde Codesido incendiou aínda máis a situación rachando un papel coas demandas da veciñanza, o que sumado ás súas declaracións sobre a politización dos veciños, provocou un malestar xeneralizado moito maior.

Na semana na que se levará a cabo unha manifestación que se prevé multitudinaria, Cobre San Rafael denuncia unha suposta sabotaxe que segundo declaran ocorreu fai un par de meses, o que semella máis unha estratexia de desmobilización que un relato verídico.

Todas estas situacións foron máis alá cando hoxe unha familia de Touro atopou pintada a fachada do seu negocio, unha crónica anunciada de ruptura social provocada polos intereses comerciais dunha empresa privada e incentivada polo mal facer dos xestores públicos.

Deja un comentario