A representación da CIG e da UGT no colectivo de axentes forestais e medio ambientais presentou hoxe denuncias nas catro delegacións provinciais da Inspección de Traballo contra a Consellaría de Medio Ambiente por incumprimentos en materia de protección e seguridade no traballo. Dende a representación sindical reclámanlle á autoridade laboral que corrixa canto antes as “graves deficiencias” detectadas.

Os axentes solicítanlle á Inspección que inste o departamento autonómico a cumprir a normativa en materia de prevención de riscos laborais e actúe de xeito inmediato para corrixir as “graves deficiencias” denunciadas. Ao mesmo tempo, dada a gravidade dos feitos denunciados e a posibilidade de que se poidan producir danos ás persoas, reclaman “celeridade e acción inmediata” no traballo inspector e na aplicación das medidas cautelares que procedan.

Nos escritos presentadas lembran que a Consellaría conta cun documento de avaliación de riscos laborais para o persoal de campo do Servizo de Conservación da Natureza no que se recollen as medidas correctoras que se deben aplicar para reducir ou minimizar os riscos aos que está exposto tanto o persoal funcionario como o laboral adscrito ao este servizo. “Mais a día de hoxe seguen sen aplicarse moitas das medidas previstas no Plan de Acción, supoñendo un risco para a seguridade e saúde laboral dos traballadores/as”.

Entre os incumprimentos, citan que non se lles informase aos axentes dos riscos do seu posto de traballo, agás aos que se encargan de tarefas concretas como a vespa velutina. Tampouco se lles proporciona formación en materia de prevención dos riscos inherentes ás súas funcións, nin se lles formou en técnicas de afrontamento de condutas agresivas e conflitos nin en técnicas de captura de animais, coidados e forma de actuación.

Non se lles dotou de EPI contra eventuais riscos biolóxicos ou químicos aos que podan estar expostos/as e tampouco do material que establece o Plan, como luvas, lentes ou calzado axeitado. Na entrada e saída das granxas ou explotacións gandeiras non se toma ningunha medida hixiénica que minimice riscos de contaxio de enfermidades nin a súa exportación fora da explotación. Nin se colocan calzas, funda ou se realiza ningún protocolo hixiénico.

O persoal tamén carece de formación en riscos biolóxicos derivados da manipulación de animais e cadáveres de animais. Non se dotou a cada oficina de redes e útiles para manipular animais silvestres; no caso das serpes non hai pinzas axeitadas para manipulalas, así como luvas para evitar mordeduras no seu manexo. Non se formou os traballadores/as en técnicas de captura, coidados e forma de actuación.

Golpes de calor

Tamén se denuncia que non se estableceu ningunha medida concreta para evitar problemas de saúde ou accidentes debido a temperatura ou outras variábeis climáticas, polo que o persoal non ten formación nin información para prever un golpe de calor ou hidratarse axeitadamente; os vehículos non teñen cadeas ou sistemas para evitar escorregamentos na neve, e moitos deles levan rodas de estrada para circular polo monte; e tampouco se organiza o traballo tendo en conta os rigores climáticos, e moitas veces trabállase en solitario xa que non se cobren permisos, vacacións, baixas nin vacantes, o que minguou considerabelmente o cadro persoal.

O persoal carece de cascos para evitar golpes por caídas de obxectos na realización de tarefas concretas ou na entrada en instalacións como obras de estradas, vías e infraestruturas hidráulicas ou cortas de árbores. Tampouco ten formación en primeiros auxilios nin evacuación.

Nos escritos presentados na Inspección tamén se lembra que a pesar de que o persoal de conservación da natureza traballo só moitas veces, no medio natural e en situación de illamento, non esta prevista ningunha medida de seguridade para detectar un problema de saúde ocasionado durante a actividade laboral ou un accidente. <<De acontecer pode estar toda a xornada incomunicado/a>>, denúnciase.

Tampouco existe unha obriga ou protocolo claro da necesidade de traballar en parellas, non se cobren as vacantes, baixas nin vacacións. Non se establece un cadro de persoal derivado da necesidade de traballo en parellas, ademais de se amortizaren prazas nos últimos anos.

Dende o apagón analóxico de 2016 o persoal carece de emisoras para a comunicación, o que é especialmente perigoso en zonas de sombra para teléfonos móbiles.

Nas funcións que os axentes ambientais realizan sobre o control da actividade cinexética non teñen activada a día de hoxe ningunha medida de seguridade persoal, como chalecos antibala.

Os vehículos non están perfectamente identificados como axente de autoridade e presentan importantes deficiencias derivadas da falta de mantemento.

Moitos dos traballadores/as carecen de acreditación que os identifica como axentes da autoridade

Os excesos horarios son fonte continua de conflito do persoal, xa que producen alteracións do sono, desgaste e elevado cansazo.

Outros incumprimentos perigosos

Dende hai uns anos tampouco se permite a adaptabilidade ou flexibilidade horaria para permitir a conciliación da vida laboral ou familiar. As vacacións ou outros permisos están a ser cuestionados e negados polas xefaturas territoriais e de servizo de persoal sen xustificación ou sen estar vinculadas á carga de traballo, o que crea un mal ambiente laboral.

Os accidentes derivados do control da caza e outras agresións sufridas polo persoal nos últimos anos son unha preocupación continua xa que a Xunta non tomou ningunha medida para evitar estas situacións.

Finalmente, denúnciase que os axentes forestais e ambientais teñen entre as súas funcións a de dirección técnica de extinción, polo que existe unha asignación temporal de reforzo no verán dalgúns axentes dende o servizo de conservación da Consellería de Medio Ambiente cara ao servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural. <<Esta asignación que se realiza todos os anos faise improvisadamente, sen formación en materia preventiva nin actualización de coñecementos en materia de coordinacións do SPDCIF, sen EPI adecuado e en tempo e forma inadecuado>>.

Xuntanza coa Administración

Por outra banda, as organizacións sindicais con representación entre o colectivo de axentes forestais e medio ambientais están chamadas este martes a unha xuntanza en San Caetano co director xeral da Función Pública para abordar a proposta de acordo sobre as condicións de traballo achegada pola Xunta e que motivou a convocatoria de mobilizacións e dunha folga que comezará este mércores día 1. Dende o comité de folga (CIG e UGT) critican que a un día de iniciarse o paro indefinido a Administración aínda non se teña posto en contacto con eles/as.

Deja un comentario