O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, reclamou na Cámara tanto ao Concello de Teo como a Xunta “que abandonen as manobras dilatorias e as evasivas e que paren o despropósito de instalar unha planta de residuos proxectada na antiga canteira de Casalonga”, como reclama a veciñanza e a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, cuxas reivindicacións son apoiadas polo Bloque.

Sobran os motivos, explicou Bará,  porque está proxectada a 400 metros de un núcleo de poboación, porque supón o tratamento de 80.000 toneladas de lodos industriais para a produción de biogás e unhas obras de gran impacto que transformarán terreos rústicos, cuestión expresamente prohibida pola Lei do Solo.

“Esta prohibición é máis que suficiente para que o Concello de Teo desbote o expediente deste proxecto nesta localización porque ten as competencias urbanísticas”, salientou o deputado do Bloque, quen tamén instou á Xunta a non eludir as súas responsabilidades en materia de avaliación de impacto ambiental e de xestión de residuos, “e polo tanto debe intervir na tramitación do proxecto para desbotalo e paralo polo seu impacto na zona”.

“Non poden escorrer o vulto, nin o Concello, nin a Xunta, teñen que actuar con determinación e con valentía cada quen no ámbito da súa competencia, o concello en materia urbanística e  a Xunta en xestión de residuos”, subliñou. Bará instou á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, a que demostre que ten vontade de solucionar o problema “collendo as rendas e convocando ao concello de Teo para deseñar unha estratexia conxunta e coordinada para darlle carpetazo a este proxecto”.

O BNG ten claro que a proxectada  planta de residuos en Casalonga “non ten máis percorrido porque non cumpre os requisitos mínimos legais, nin en materia de residuos nin urbanística. Polo tanto, -insistiu- non prolonguen máis unha tramitación que non vai a ningún lado e acaben coa preocupación e coa angustia que está sufrir a veciñanza de Casalonga e a súa contorna”.

“Actúen con determinación e coordinación e non prolonguen máis a preocupación e a angustia da veciñanza afectada”, instou o deputado

A maiores, o BNG argumenta, -segundo un anexo incluído no Plan de residuos-, que existen en Galiza dezanove instalacións con capacidade para tratar un total de 750.000 toneladas de residuos por ano, cando en Galiza se producen anualmente 190.000 toneladas, polo que hai instalacións máis que suficientes para  absorber eses residuos e non se precisan novas plantas.

Seguindo o debate da pregunta parlamentaria ao Goberno da Xunta, unha representación veciñal, entre a que se encontraba o portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz.

Deja un comentario