Iria Bouzas

Somos un Pobo que berra porque somos un Pobo que sufre

Xusto cando estaba a pensar que non tiña ningún tema sobre o que escribir, lin un chío no Twitter no que falaban dos “berros das mulleres galegas”.

Dándolle voltas ao tema non paro de pensar que os galegos temos que empezar a berrar máis forte e temos que facelo máis cara a fóra que cara a dentro.

Somos un Pobo que berra porque somos un Pobo que sufre, e que sufre moito.
Pero seica os nosos berros quedan en demasiadas ocasións dentro de nós mesmos ou dentro do noso entorno máis cércano e non chegan aos responsables do sufrimento e da dor que nos fai berrar.

Berramos porque non temos traballo, ou porque o que temos é precario.

Berramos porque os nosos dependentes non reciben a axuda que precisan e porque os nosos maiores non rematan as súas vidas coa tranquilidade e os coidados que merecen.

Berramos porque nos pechan hospitais e porque maltratan os noso persoal sanitario nos que quedan abertos.

Berramos porque a nosa cultura sobrevive de milagre afogada entre tanta xente como desexa vela morta e ben morta.

Berramos porque sabemos que moitas das nosas crianzas terán que marchar e porque moitas delas xa nacerán fóra da súa terra.

Algúns, nos que me inclúoo, berramos porque os anos pasan e nós seguimos lonxe dos nosos, vendo como enferman e morren sen poder estar ó seu carón cando isto sucede. Volvendo de cando en cando como meros visitantes que lembran remotamente que nalgún tempo tiveron casa.

Eu non quero berrar para min nunca máis. Xa coñezo de sobra a dor que levan dentro os meus berros.

Quero berrar cara a fóra, e o máis forte que poida, para que esa dor e ese enfado cos que teño que convivir lles atronen nas orellas aos responsables de todo isto e que saiban que pola niña parte xa non hai máis oportunidades.

Algúns pensaron que o poder en Galicia era a súa casa.
Pois xa é tempo de que entendan nas súas propias carnes o que se sinte cando che botan a patadas dela.