O BNG acadou a unanimidade do Parlamento galego para que a Xunta execute á maior brevidade posible as obras de mellora da seguridade da dársena de Malpica e a incluír nos orzamentos de 2022 unha cantidade suficiente para a súa execución íntegra ou, no caso de realizarse por fases, incluír os recursos necesarios para a execución dunha primeira fase.

Así o defendeu na comisión parlamentaria de Pesca o deputado nacionalista Daniel Pérez, quen comezou a súa intervención recordando con pesar o triste falecemento de José Ángel Sanjurjo, patrón do “Silvosa”, falecido nun terrible accidente na dársena malpicá que, segundo recalcou, “sofre un grave problema de seguridade”.

Logo de enumerar as distintas reformas realizadas nas instalacións que “tampouco solucionaron o problema de acceso á dársena”, indicou que, a día de hoxe, os problemas de seguridade céntranse na comporta de acceso: “cando está aberta, a enerxía da ondada reflíctese nos muros verticais, o que provoca correntes e remuíños no interior da dársena”, afondou, para a continuación sumar a este problema “a velocidade da auga dentro do canal” que, segundo explicou, dificulta enormemente que as embarcacións poidan realizar calquera manobra e complica moito as operacións de entrada e saída da dársena, sobre todo en condicións adversas.

“Tal e como se atopa agora a dársena, a entrada e saída de embarcacións constitúe un perigo constante para a integridade, non só das propias embarcacións, senón da propia integridade física dos mariñeiros”, advertiu, logo de alertar tamén sobre os constantes percances na manobra de entrada e saída, con “habituais choques entre embarcacións ou coas paredes”.

Nesta liña, o deputado nacionalista recordou que o informe da comisión permanente de accidentes e incidentes marítimos, dependente do Ministerio de Transportes, concluíu sobre o accidente do “Silvosa” en 2018 que lle costou a vida a José Ángel Sanjurjo, que as causas foron as condicións das ondadas e correntes xeradas no fondo do porto e no canal de acceso á dársena interior, que supoñen un risco para a navegación no canal, ademais da “xeral falta de operatividade do porto, sobre todo en inverno”.

“Se o problema coa dársena existía xa de antes, o terrible e fatal accidente do ‘Silvosa’ puxo de manifesto a necesidade de adoptar medidas urxentes, para que mortes como as de José Ángel non se volvan repetir”, reclamou, tras recordar que do sistema de mellora da operatividade da dársena que a Xunta anunciou en febreiro deste ano que estaba en fase de licitación cun orzamento de 100.000 €, “nada sabemos”. “Se está adxudicado xa e se é así cales son as alternativas que se valoran”, afeou.

En todo caso, Pérez defendeu que a alternativa única e definitiva “é a ampliación do dique”, actuación que permitiría resolver os problemas de seguridade e ademais aumentar a actividade portuaria de Malpica, “co impulso que suporía para a vila e para toda a comarca” que, segundo recalcou, “quere seguir a vivir por e para o mar”, como o demostra, entre outras razóns, o traballo desenvolvido pola dinámica confraría malpicá que, con 232 socias e socios, conseguiu reducir notablemente a débeda con Portos de Galiza, incrementar as vendas “neste ano tan complicado” e explorar novas formas de explotación e negocio, entre as que citou a ortiguilla de mar, a anémona ou o ourizo.  

Duras críticas ao PP: anuncios durante 3 anos que non se concretan

Pérez censurou ao grupo parlamentar do PP que no seu posicionamento ante a iniciativa nacionalista para dar solución a un tema “vital” para os mariñeiros malpicáns, non só sacara a colación a moción de censura municipal, “nunha falta de respecto inaceptable” para a familia do patrón falecido que ademais estaba presenciando o debate, senón que ademais se limitase “tres anos despois dun sinistro tan terrible” a repetir os anuncios e as notas de prensa da Xunta que se levan repetindo dende marzo de 2019”.

“Esta situación é absolutamente insostible e non hai cualificativos para que tres anos despois veñan aquí a repetir as distintas notas de prensa que sacou a Xunta para dicir o que se fixo”, reprobou con dureza o deputado nacionalista, para criticar a continuación que o PP volva a falar de novo de balizas para medir as correntes “cando veñen de colocar a enésima baliza para medir as correntes e todo o mundo en Malpica, e tamén a Xunta, sabe cal é a solución para este problema: ampliar o dique”. 

Segundo recalcou, é inadmisible que o PP e a Xunta digan agora que ata o ano 2022 vanse seguir medindo as correntes e que a partir dese ano “aínda se vai licitar un proxecto que, dependendo da alternativa que se elixa, a súa execución non vai ser a curto prazo”. “Levamos tres anos escoitando as mesmas respostas e as mesmas notas de prensa; non se pode vir aquí a repetir esas notas. É necesario buscar esa solución e ten que ser inmediata”, criticou. 

“A pesar de que voten a favor, o que se lle está dicindo ás e aos mariñeiros de Malpica é que van ter que esperar polo menos 5, 6, 7 ou 8 anos no mellor dos casos para que se acometa esa obra e poñer fin a esa incerteza de vida que hai diariamente -concluíu- porque durante todo ese tempo todos os mariñeiros de Malpica que saian a faenar van ter que seguir poñendo en risco as súas vidas”. 

(Para pé de foto: o deputado Daniel Pérez e as deputadas Rosana Pérez e Carmela González con familiares do patrón falecido do «Silvosa», José Ángel Sanjurjo, e representantes da Confraría de Malpica no Parlamento galego)
 

DEJA UNA RESPUESTA