O deputado do BNG Congreso, Néstor Rego, anuncia a presentación dunha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 en que solicita a inclusión dunha partida específica de medio millón de euros para a redacción do proxecto completo de humanización da Avenida Rosalía de Castro en Milladoiro. O deputado, acompañado do grupo municipal do BNG de Ames, procura solucionar tamén o acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro nun Concello esquecido polo Goberno do Estado nestes OXE.

Durante a visita do grupo municipal do BNG de Ames, encabezado polo seu voceiro e tenente de alcalde, David Santomil, e acompañado polas concelleiras Natividade González e Escarlata Pampín, sinalan a necesidade de que o Goberno do Estado se implique e involucre con investimento real. Demanda do executivo estatal compromiso político que dea resposta a “unha reclamación histórica da veciñanza, do tecido asociativo e de todos os grupos políticos que compoñen a corporación municipal”.

“Un Concello como Ames, con máis de 32.000 habitantes non pode ficar no esquecemento nos novos orzamentos, máxime cando están redactados os anteproxectos de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e da mellora do acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro” explica o voceiro municipal do BNG, David Santomil. Así mesmo, lembra que existe o compromiso político por parte do Goberno do Estado coa Asociación de Empresarios de Ames.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, comprométese a presentar emendas nos OXE para reclamar a inclusión de partidas específicas co obxectivo de que se leve a cabo a redacción do proxecto completo para a humanización da Avenida Rosalía de Castro. Néstor Rego indicou que esta é una reclamación xusta que non pode continuar demorando a súa execución. “O Milladoiro leva moitos anos esperando por una actuación que ten por obxectivo mellorar a calidade urbana e, por tanto, a calidade de vida de todas as persoas que viven ou traballan no Milladoiro. Humanizar a Avenida Rosalía de Castro e mellorar o acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro son actuación non só necesarias senón tamén urxentes. Non é de recibo que o Estado continúe adiando estas obras e esqueza os investimentos nun dos concellos máis poboados do noso País”, enfatizou.

Lembrou que, tanto no Proxecto de Orzamentos do ano pasado, como xa en 2015, a formación nacionalista presentou unha emenda para dar solución aos problemas de tráfico, seguranza e ruído que padece a veciñanza do Milladoiro, froito da política urbanística do Partido Popular. As emendas presentadas pola organización frentista foron rexeitadas polos respectivos gobernos estatais de PP, en 2015, e da coalición PSOE-UP, para 2021.

DEJA UNA RESPUESTA