O deputado do BNG, Néstor Rego, mantén unha reunión con membros da Plataforma de Gondomar, Fibra Xa! para coñecer de primeira man as deficiencias no servizo de acceso a Internet. Rego avanza iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado, en colaboración coa Xunta de Galiza, solucione os problemas de conexión que acontecen na meirande parte dos concellos do País. Así mesmo, Rego tamén participa dun acto público en Val Miñor onde reivindica o papel do nacionalismo galego e convida a celebrar “reivindicativamente” o 25 de Xullo, Día da Patria Galega.

Na reunión, o deputado no Congreso estivo acompañado tamén pola concelleira do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, que aseguraba que a cobertura da fibra óptica “non supera 25% das vivendas totais do concello”. Esta cobertura concéntrase principalmente no casco urbano da vila e nunha pequena parroquia de Vincios deixando as demais parroquias sen cobertura.

“A maioría das persoas usuarias do Concello teñen acceso a internet a través dunha ADSL pobre e súper saturada. Para solucionar esta deficiencia, hai usuarias que escollen a rede móbel 4G mais esta, co uso, satúrase e deixa de ser eficiente e remata cos mesmos problemas de lentitude e, inclusive, afecta ao servizo de telefonía” sinala Rodríguez.

Acto Gondomar Para o deputado do BNG no Congreso, esta situación non pode acontecer máis porque “as persoas usuarias están a pagar un servizo que non reciben das empresas de telefonía coas que teñen contratado o servizo de Internet”. As prestacións que, de maneira sistémica, incumpren os contratos mais isto non se traduce nun desconto ou abaratamento da factura.

“Vulnérase o dereito a ter un servizo de internet de calidade e en igualdade de condicións que outras zonas. A verdadeira fenda dixital en Gondomar é a derivada dun servizo esaxeradamente lento, cando non inexistente, nas zonas máis rurais do concello” subliña Rego. Esta fenda, lembra, fíxose máis notoria durante o confinamento, cando a conexión a internet foi máis necesaria que nunca, e deixou en evidencia que “aínda estamos nunha Galiza de dúas velocidades”.

Así mesmo, o deputado lembra que se están a incumprir os compromisos adquiridos “a respecto á velocidade do acceso a Internet neste territorio” posto que “estabelecían na Galiza, para o 2020, 30 megas de velocidade na meirande parte deste Concello e aínda non se chega a 10% do territorio”.

Celebrar o 25X en Santiago de Compostela

Por outra banda, o deputado nacionalista participou nun acto público no Val Miñor onde chamou a participar a participar masivamente na mobilización do Día da Patria Galega en Santiago de Compostela. “O nacionalismo é a forza que impulsa un País novo, unha Galiza con capacidade para decidir. Para iso precisamos soberanía. Para pór todos os nosos recursos ao servizo e ao desenvolvemento social e económico do noso País” reivindicou Rego durante a súa intervención.

Sinala a importancia de que o vindeiro 25 de Xullo sirva para dar a necesaria “resposta social ás políticas que se están a tomar desde os gobernos da Xunta e o Estado e que prexudican os intereses dos galegos e galegas”. Así mesmo, animou a confiar nas propias potencialidades da Galiza para mudar o presente de crise, migración, espolio e mesmo “incerteza” por un futuro de “progreso e benestar” para todas as galegas e galegos.

DEJA UNA RESPUESTA