Até en tres ocasións a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, preguntou á conselleira delegada de DOMUS Vi cantos recursos públicos recibe esta empresa do Executivo de Feixóo, na súa comparecencia na Comisión de reactivación, pero sen resposta por parte de quen ten baixo a súa responsabilidade 18 residencias privadas, -a maior parte con prazas concertadas coa Xunta-, e xestiona 12 centros residenciais públicos.

“Por iso lle pregunto canto diñeiro recibe DOMUS Vi do Goberno galego”, interpelou Rodil, tendo en conta que segundo informa a propia empresa, “Galiza é o segundo territorio no que máis facturan dentro do Estado”. Tras facer un recoñecemento ao traballo do persoal das residencias,  “cuxa entrega seguramente fixo que a traxedia non fose maior”, a viceportavoz puxo a atención sobre un modelo de coidados de maiores privatizado que converte o dereito a unha vellez digna nun lucrativo negocio para un puñado de empresas.

No caso de DOMUS Vi ademais, -recalcou-, “as súas residencias convertéronse na cara máis dramática da pandemia con centos de contaxios e centos de falecementos”, como nos casos das residencias de San Lázaro (Santiago), Barreiros, Aldán (Moaña), Outeiro de Rei, Matogrande (A Coruña),  Ribadumia ou Oleiros.

O Consello de Contas xa tiña recollido nun informe de 2016 que centros desta multinacional incumprían as condicións no relativo ao persoal de atención directa, así como os pregos de condicións das prazas concertadas coa Xunta, ao que se suman denuncias das traballadoras de varios centros.

“Desde o BNG queremos traer a esta Cámara unha reflexión máis profunda sobre o modelo de coidados das persoas maiores absolutamente privatizado,  que converte a vellez nun negocio e o que fixo esta crise da COVID foi deixalo en evidencia de maneira dramática”, explicou, tras sinalar que un colectivo de apenas 20.000 persoas usuarias dunha residencia acapara máis do 40% das vítimas mortais, 447 a día de hoxe.

Rodil argumentou que “a maior responsabilidade da situación é dun Goberno do PP que permite e mesmo promove este modelo, pero iso non exime de responsabilidade a empresas como DOMUS Vi, sobre todo porque malia ser un modelo privatizado recibe cantidades inxentes de diñeiro público, tamén do Executivo galego”, alegou.

Por iso, o BNG considera “absolutamente prioritario” mudar o actual sistema de residencias  e avanzar cara  un modelo que garanta o dereito a unha vellez digna, “para que nunca máis os nosos maiores se sintan abandonados por un sistema privatizado que pon o lucro por riba da saúde das persoas, que fai da vellez un negocio”, concluíu.

Rodil pechou a súa intervención tomando a palabra para recriminar ao presidente da comisión, o popular Diego Calvo, despois de que este trasladase unha desculpa en nome do Parlamento á conselleira de delegada, Josefina Fernández, por entender que os grupos non se cinguiron ao regulamento: “a única desculpa que cabe é a que a señora Fernández lle debería facer ás vítimas e as súas familias”, concluíu.