“Por que a Xunta boicotea a realización dun estudo integral da situación da ría de Ferrol?”. Con esta contundencia censurou no Parlamento galego o deputado nacionalista Mon Fernández a actitude da Xunta fronte ao “colapso produtivo” no que se atopa a ría ferrolá e ante a súa “insistencia en demorar a realización deste estudo, xa urxente para afrontar a rexeneración da ría”.

“Non existe ningunha explicación para negarse a realizar ese estudo integral que desde o sector en Ferrol vense reclamando dende hai tempo e mesmo entidades científicas como a Estación da Graña da Universidade de Santiago teñen recomendado”, reprobou o deputado nacionalista nunha pregunta na comisión parlamentaria de Pesca, logo de advertir que as medidas tomadas polo Goberno do PP nos últimos 12 anos “non serviron máis que para acelerar a grave tendencia” na que se encontra inmersa a ría.

Nesta liña, repasou algúns datos que evidencian esta situación de colapso produtivo e entre os que subliñou que mentres no ano 2000 a produción de ameixa babosa (principal produto da ría) foi de máis de 427.000 kg., no 2020 a cifra descendeu a tan só 32.000 kg., é dicir, a menos do 10%. A isto sumou que nos últimos 10 anos os permisos para mariscar a pé reducíronse en case o 56%. “Falamos de permisos porque das 146 persoas que o conservan, só están saíndo ao mar unhas 60, segundo as propias confrarías”, recalcou, para a continuación incidir en que a situación é similar na xente a flote: “tamén segundo as confrarías, das 360 persoas que poden saír, estano facendo unhas 30, o que supón o 10%”.

Cómpre salientar que, pese a afirmación da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro de que o banco das Pías se está a recuperar lentamente, Fernández advirte que non existen datos neste sentido e que, sen embargo, os facilitados sobre a produción no conxunto da ría pola Plataforma Tecnolóxica Pesca de Galiza amosan con elocuencia a grave situación.

image

 (Produción ría de Ferrol. Fonte: Pesca de Galiza, Plataforma Tecnolóxica da Pesca)

Para o deputado nacionalista por Ferrolterra, a situación é de “colapso a nivel produtivo” e de “expulsión a nivel de emprego”, polo que, segundo asegurou, “cabería agardar por parte da Xunta algunha actuación decidida, algunha medida diferente ao que vén facendo nos últimos anos, porque resulta evidente que, sexa o que sexa que viñeran facendo até o de agora, non funciona”.
Fernández reprochou ao Goberno de Feixóo que nin sequera sexa quen de achegar -como se comprometera, pese ás explicacións en sentido contrario ofrecidas pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro- o 50% do custe do estudo previo acordado con confrarías e resto de administracións nunha reunión na que tamén estiveron presentes representantes da estación de bioloxía mariña da Graña, que sería a encargada de realizar este traballo previo ao estudo integral.

“Nesa reunión, tal e como se recolle na acta que tamén nós temos -aclarou á directora xeral-, houbo ese acordo entre todas as partes e unha delas, o Goberno central, xa comprometeu o 50% dese estudo que custa 3.500 euros; falta a Xunta”, reprobou, para a continuación recalcar que esta actitude resulta “absolutamente incrible”: “estamos falando de 1.750 euros”, destacou.

O deputado do BNG recordou que o compromiso estatal para financiar ese estudo previo chegou antes do verán e que, pese a que “as confrarías reclaman unha contestación por parte da Administración galega”, a Xunta “segue sen contestar”. “Asegúrolle que esta actitude por parte da Xunta supera calquera expectativa que puideramos ter incluso aqueles que xa non agardábamos moito do Goberno de Feixóo”, criticou, para a continuación concluír afeándolle a súa falta de iniciativa para poñer en marcha medidas que posibiliten o que ten que ser o seu obxectivo, “a rexeneración da ría”, e que, sen embargo, se “parapete” en que está esperando polo Goberno central para afrontar os graves problemas na ría de Ferrol e dun sector que “está literalmente coa auga ao pescozo”.  
 

DEJA UNA RESPUESTA