BNG iniciou na Coruña unha campaña de recollida de sinaturas contra a subida da factura da luz, cuestión da que fará “cabalo de batalla” polas graves consecuencias que ten sobre as familias e sobre as pequenas e medianas empresas en plena crise.

“No BNG pensamos que non podemos estar de brazos cruzados ante decisións que só benefician ás eléctricas pero que prexudican ás economías das familias e ás PEMES que xa están asfixiadas pola crise”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, que participou na primeira recollida de sinaturas xunto co portavoz municipal, Francisco Jorquera, a concelleira Avia Veira e a deputada pola Coruña Mercedes Queixas.

“Unha subida da luz que no caso concreto de Galiza é más escandalosa, mesmo diría que é unha aberración, porque somos grandes produtores de electricidade pero non temos ningún beneficio desa riqueza e todo iso mentres se prepara unha invasión eólica a favor do lobby eléctrico sen que este País teña ningunha compensación”, denunciou Pontón, “temos dereito a unha tarifa da luz máis baixa por ser produtores e temos dereito a que se poña fin ao espolio enerxético que soportamos”.

Galiza leva décadas soportando os custes ambientais e sociais pero cada vez paga a luz máis cara e hai miles de empregos en xogo polo alto prezo da enerxía, como é o caso de Aluibérica na Coruña.

Mercedes Queixas e Avia VeigaNeste sentido, argumentou, “rebaixar a factura da luz é o maior incentivo fiscal que podemos ter para que se instalen empresas no País e haxa oportunidades en Galiza. Con esta campaña de recollida de sinaturas, o BNG vai facer da defensa do dereito dos galegos e das galegas a ter un prezo da luz máis baixo un cabalo de batalla porque é unha cuestión clave”, argumentou.

A líder do Bloque foi moi crítica co feito de que o Goberno de Pedro Sánchez sega os pasos que o PP neste asunto.

“O que está facendo o Executivo que se proclama o máis progresista da historia é o mesmo que o PP, o mesmo que Feixóo desde a Xunta,  gobernar para o sector eléctrico e por iso esta campaña de recollida de sinaturas para plantarlle cara a unha subida que ten consecuencias moi negativas para o conxunto da economía e para as maiorías sociais: xa está ben de subir a factura da luz, xa está ben de portas xiratorias e xa está ben de gobernar pensando no lobby eléctrico en lugar de considerar a enerxía como un ben público cuxos beneficios debemos socializar”, argumentou Pontón.

Para abaratar o prezo da luz, o BNG defende a intervención pública no sector enerxético e pon sobre a mesa medidas concretas e realizables se hai vontade política. Empezando por reducir o IVE da luz ao 4% fronte ao 21% actual e tamén propón suprimir o imposto especial á electricidade.  Tarifa eléctrica galega para que as familias e as empresas teñan unha factura máis barata e se beneficien de ser Galiza un país rico en enerxía eléctrica.

Creación dunha empresa pública galega de enerxía, para camiñar cara unha xestión pública dun servizo e dun ben de primeira necesidade e establecer medidas para que non se lle poda cortar a luz a ningunha persoa ou familia sen recursos. “Os dereitos das persoas deben estar por riba da conta de resultados das eléctricas”, alegou Pontón.

DEJA UNA RESPUESTA