A  través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Noa Presas reclamou na comisión de Turismo celebrada no Parlamento galego, “desbloquear a parálise da actividade termal da cidade de Ourense”.

A nacionalista responsabilizou da actual “parálise da actividade termal”  ao   Partido popular por manter á fronte da alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome e amparar a súa “letal xestión” para a cidade de Ourense. Ademais, afirmou a deputada, o Partido popular “modificou o marco termal” excluíndo a Ourense  e imposibilitando manter as condicións das termas, tal e como estaban concibidas.

 A xuízo da deputada e para saír da situación  é necesario  ”modificar a lei”  para que Ourense volva a formar parte da  regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza,  constituír,  de forma urxente unha mesa de traballo entre a Xunta de Galiza e o Concello de Ourense para colaborar nunha saída “áxil e cooperativa” co fin de recomezar a actividade termal en Ourense e adaptar as instalacións ás novas condicións derivadas da situación de pandemia. Por outra parte,  Noa Presas tamén propuxo  ampliar o prazo para que Ourense se adapte a nova normativa cos preceptivos protocolos e condicións sanitarias e  a  colaboración económica da Xunta para buscar unha saída a parálise da actividade termal.

Na súa intervención, recalcou  que a cidade de Ourense ten nos aproveitamentos termais un dos seus potenciais vectores de crecemento e desenvolvemento económico. Así mesmo, a cidade de Ourense foi no pasado unha referencia na existencia de espazos de desfrute termal de acceso e xestión pública, democratizando o seu use e desfrute por parte da veciñanza ourensá con independencia do seu nivel de renda. Non en balde, explicou o Parlamento galego aprobou no ano 2008, a impulso do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, a declaración de Ourense como capital termal.

“A desidia e a falta de colaboración política e institucional entre Xunta e concello é, nestes momentos, a responsábel de que as termas de Ourense, singularmente As Burgas mais tamén a parte pública de Outariz e máis as termas do Muíño, estean sen abrir ao público furtando un dereito á veciñanza e unha oportunidade de dinamización económica nun momento complicado para unha zona tan castigada”, aseverou a nacionalista.

Neste contexto, afirmou,  resulta un “ exercicio de cinismo” que o Presidente da Deputación de Ourense e o Vicepresidente primeiro da Xunta de Galiza anunciaran o pasado 15 de marzo o seu compromiso de impulso do plan «Ourense, provincia termal» cando a Xunta é responsable activa da paralización do termalismo na cidade de Ourense e o partido de goberno  é responsable activo do bloqueo político da cidade de Ourense.

DEJA UNA RESPUESTA