BNG rexistra emendas ao articulado do Proxecto de Lei pola que se modifica o texto da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguranza viaria para mellorar o texto. Néstor Rego propón o incremento de persoal examinador na DXT e suprimir a previsión que prohibe superar as velocidades máximas de cada estrada en 20 quilómetros hora durante o adiantamento. Por outra banda, o deputado aproveita este debate para recordar a reclamación da transferencia de competencias en materia de Seguranza Viaria e Tráfico á Galiza.

Entre as emendas presentadas ao texto lexislativo, Néstor Rego propón que os encargados de levar a cabo as inspeccións dos centros e outros operadores sexan os propios empregados públicos formados para esta función. “Entendemos que a función de inspección e comprobación do cumprimento da normativa nos centros homologados, acreditándoo debe ser, en todo caso, unha función exercida por empregados públicos, do mesmo xeito que ocorre coa función examinadora que conclúe coa autorización administrativa do permiso de condución” explica o deputado nacionalista.

“Se resulta insuficiente o persoal dispoñíbel para realizar estas actividades de forma áxil e adecuada, a DXT terá que garantir a cobertura de todas as prazas e mesmo a convocatoria, se procede, das prazas que sexan necesarias” enfatiza Rego. A formación nacionalista non partilla que a Administración do Estado estea a recorrer nos últimos meses á externalización do servizo de inspección “cousa que debe de mudar e seguir a executarse por empregados públicos”.

Neste sentido, a organización nacionalista tamén reclama solucionar a situación de atasco no acceso aos exames de conducir. Para iso “é imprescindíbel que se incremente o persoal actual de examinadores” e se poida “dar unha atención adecuada a todas”.

Por outra banda, o BNG tamén propón a supresión do artigo que prohibe a actual posibilidade de superar as velocidades máximas fixadas nas estradas convencionais, excepto travesías, en 20 quilómetros por hora, por turismos e motocicletas cando adianten a outros vehículos que circulen a velocidade inferior a aquelas.

“Ao non poder superar a velocidade máxima da vía incrementaríase tanto a distancia como o tempo necesario para efectuar un adiantamento tipo, especialmente naqueles máis perigosos, como son os que se realizan a vehículos longos” subliña Rego. “No caso de Galiza, onde as condicións dos trazados e a orografía dificulta as condicións dos adiantamentos, para que estes sexan seguros, debe poder efectuarse de forma áxil” remata o deputado nacionalista.

Transferencia das competencias de Tráfico

O deputado do BNG aproveita a ocasión para lembrar a necesidade de transferir as competencias “que son esenciais” como a de Tráfico, Transportes e Seguranza viaria e Seguranza pública. Destaca que desde o ano 2007 está aprobada a Lei de Policía Galega “que non foi desenvolta, mais a Galiza está preparada para asumir esa competencia se realmente hai vontade por parte do Goberno”.

Lembra tamén que a Comisión de Política Territorial do Congreso aprobou unha Proposición Non de Lei do BNG que pide ao Goberno reactivar a Comisión Mixta de Transferencias entre Goberno do Estado e Xunta para impulsar a transferencia á Galiza das competencias pendentes, “a comezar polas que veu reclamando por unanimidade o Parlamento Galego que, tras doce anos de goberno de Feixoo, o noso País non asumiu ningunha nova competencia” explica. Así mesmo reivindica o traslado inmediato das competencias en materia de tráfico, seguranza viaria e pública e salvamento marítimo, entre outras.

DEJA UNA RESPUESTA