BNG rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado designe á Estación Intermodal de Santiago de Compostela co nome de “Daniel Castelao” e que sexa incorporada a súa tipografía e obra gráfica. Así mesmo, o deputado nacionalista propón que sexa realizada unha musealización do seu traballo como contido permanente no interior da estación.

A iniciativa no Congreso nace a raíz da aprobación, por unanimidade, dunha iniciativa municipal no Concello de Santiago de Compostela presentada polo BNG en xaneiro de 2019 en que instaba a ADIF para que a nova estación intermodal se chamase “Daniel Castelao”. No propio deseño, propúñase integrar a tipografía propia e a súa obra gráfico, así como empregar o espazo interior da estación como espazo expositivo.

Coa boa acollida da proposta no conxunto da poboación compostelá, a formación nacionalista decidiu dirixirse á Presidenta de ADIF para solicitar a posta en marcha deste proxecto de consenso. Ante esta solicitude, a entidade pública limitouse a informar de que o procedemento para a denominación das estacións ferroviarias é competencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Así mesmo, a resposta case descartaba a posibilidade do nome proposto indicando que o nome da estación debe ter o nome de referencia do lugar para evitar confusións. Porén, nada impediría a inclusión do nome da cidade dentro da designación como “Estación Intermodal Daniel Castelao de Santiago de Compostela”.

“As obras na estación de autobuses da intermodal de Santiago remataron e xa comezou a funcionar, mais fica pendente a reforma da estación do tren. Esta obra permitirá conectar realmente os dous edificios” explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Que non remataran as obras na parte do tren significa que “o proxecto aprobado por unanimidade no Concello de Santiago pode aínda ser abordado e integrado se hai vontade política por parte do Ministerio e do Concello de Santiago”.

Ademais do nome, a formación nacionalista defende a musealización do traballo do galeguista, Daniel Castelao, no interior da estación como contido permanente para dar a coñecer a súa traxectoria cultural e política. “Daniel Castelao, destacado político nacionalista, na súa etapa de deputado nas Cortes, fixo unha especial defensa da necesidade de mellora do ferrocarril na Galiza” subliña Rego.

O certo é que, 85 anos despois daquelas intervencións en que analizaba “a falta de infraestruturas ligadas á dificultade para Galiza de avanzar no seu desenvolvemento socioeconómico, o seu contido segue sendo vixente en termos de desigualdade e discriminación con respecto a outros territorios do Estado español” destaca o deputado nacionalista.

Pola súa parte, a portavoz municipal Goretti Sanmartín explica que o BNG leva desde xaneiro de 2019, cando se aprobou a iniciativa por unanimidade no Pleno, a esixirlle ao Goberno local de Santiago que realice os trámites necesarios para que a estación intermodal teña o nome de «Daniel Castelao», xunto coa rotulación coa súa tipografía e co proxecto expositivo no seu interior para difundir a obra e personalidade do autor do «Sempre en Galiza».

Así, cuestiona «o desleixo de responsabilidades do alcalde do PSOE, Sánchez Bugallo, que non pon esta cuestión como prioritaria e fundamental para instar o Ministerio e a ADIF a incluír a denominación ‘Daniel Castelao’, a tipografía e a exposición permanente no proxecto da estación intermodal de Santiago de Compostela», para o que reclama unha declaración pública co fin de defender esta iniciativa aprobada polo conxunto da Corporación municipal de Santiago.

DEJA UNA RESPUESTA