O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso co obxectivo de que o Ministerio de Transportes rectifique a súa decisión de reducir e empeorar os horarios propostos por Renfe para a liña AVANT que une A Coruña-Santiago-Ourense. A formación nacionalista reclama recuperar e incrementar as frecuencias ofertadas antes da pandemia e o abaratamento dos billetes para aumentar o número de persoas usuarias, así como doutras liñas que foron suprimidas, como Lugo-Santiago ou implantar o servizo de proximidade nas cidades e áreas urbanas.

“Non pode ser que o comezo do funcionamento do AVE Ourense-Madrid no próximo 21 de decembro implique empeorar os servizos ferroviarios interiores do noso País. Hai persoas que terán que ir puntualmente a Madrid, mais son infinitamente máis as que teñen que se mover todos os días nos desprazamentos obrigados por razóns laborais ou de estudos, polo que é imprescindíbel ampliar frecuencias, adecuar horarios e baixar os prezos”, sinala o deputado do BNG. Rego sinala mesmo que a estratexia de Renfe está a ser a contraria, mudando os horarios e frecuencias das liñas procedentes da Coruña que pasa por Santiago – como o que chega a Ourense ás 8.38h e que empregan as persoas que se trasladan por motivos laborais ou de estudo- e cos novos horarios terán que apañar o tren que os deixa ás 7 da mañá, cunha hora de espera no destino.

A modificación horaria non supón o incremento das frecuencias ou a mellora dos servizos, tal e como reclaman as e os viaxeiros habituais e como exixiu no seu día o Parlamento da Galiza, senón que “implica un grave prexuízo para as persoas usuarias”. Para a formación nacionalista, a chegada do AVE e unha conexión máis áxil con Madrid “non pode implantarse sacrificando os servizos que centos de persoas empregan todos os días e que precisan un medio de transporte eficaz e sustentábel”.

“Débese incrementar o número de viaxes entre as principais cidades da Galiza, así como recuperar a conexión- por exemplo- a conexión que sae de Santiago entre as 7 e as 7.30h e viceversa para garantir a cobertura dos necesarios desprazamentos entre ambas cidades” reivindica Rego. O executivo estatal debe cumprir os compromisos adquiridos e recuperar, mesmo incrementar, as frecuencias nesta e no resto de liñas ferroviarias da Galiza.

Nese sentido, é fundamental recuperar o  tren das 6:45h Ourense-A Coruña que empregaban moitas persoas funcionarias e traballadoras que ían a Coruña e/ou Santiago para entrar a traballar ás 8h da mañá, ou de volta de Santiago a Ourense das 15:30h da tarde dos venres.

Prezos asumíbeis para o conxunto da sociedade

Tras o anuncio da posta en marcha do AVE, Renfe ofertou billetes de tren entre Madrid e Ourense a 15€. Unha viaxe de case 500 quilómetros en contraposición aos 100 quilómetros existentes entre Ourense e Santiago que custa 17.70€. “Un prezo abusivo que non fomenta o uso do transporte colectivo e que se acha entre as tarifas máis caras do Estado” denuncia Rego. Mesmo cos abonos, os prezos continúan a ser demasiado altos, en moitos casos non son rendíbeis pois exixen un número elevado de viaxes nun curto período de tempo e non son aplicábeis aos Alvia a pesar de que estes, en moitas ocasións, vaian practicamente baleiros.

“Ademais de modificar e ampliar as frecuencias, o goberno tamén debe revisar os prezos da liña AVANT A Coruña-Ourense para facelos moito máis asumíbeis e competitivos, favorecendo o incremento do número de persoas usuarias” explica o deputado do BNG. Esta medida, tamén favorecería o asentamento da poboación en lugares como Ourense, dado que facilitaría, por exemplo, que as estudantes universitarias puidesen acudir ás aulas e voltar ou as persoas desa cidade que traballan na Coruña ou Santiago puidesen manter a súa residencia.

DEJA UNA RESPUESTA