O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado denegar a autorización para a construción do Parque Eólico Alto de Afrende, así como a súa liña de evacuación que afectaría aos municipios da Estrada, Forcarei e Silleda. A formación nacionalista reitera a necesidade de paralizar os máis de 200 proxectos eólicos que se están tramitando e elaborar, conxuntamente entre Xunta e Estado, unha planificación eólica con criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio para protexer o medio natural e cultural e o desenvolvemento da actividade socioeconómica do territorio.

O proxecto eólico Alto de Afrende, promovido por Volantis Renovables SLU, ten unha potencia de 53,6 MW, cun total de 9 aeroxeradores, e afectará aos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada. Este parque compartirá liña de evacuación con outros proxectos que tamén se están a tramitar como o de Outeiro Grande e de Monte Festeiros. Neste sentido, a formación nacionalista lembra que a fragmentación de proxecto é unha práctica fraudulenta e existe xurisprudencia ao respecto.

“Na Galiza pódense nomear diversos casos en que se presentan Estudos de Impacto Ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados. Isto evita unha avaliación global de todo o proxecto e das garantías exixíbeis o que supón un claro fraude de lei” explica o deputado do BNG. Os proxectos eólicos de Outeiro Grande e de Monte Festeiros, neste caso, están a tramitarse ante a Xunta de Galiza pola súa potencia e carecen dunha valoración do seu impacto ambiental de maneira conxunta.

Ademais, na mesma área xeográfica onde se pretende instalar o proxecto de Afrende “xa existen outros cinco parques en funcionamento que contan coa autorización pertinente”. Cabe destacar o parque eólico Borreiro porque o novo parque de Afrende sería practicamente “unha continuación do mesmo pois os aeroxeradores xa existentes separaríanse dos novos a pouco máis de 600 metros”.

“O proxecto tamén afectará ao patrimonio natural da zona, coa invasión das Brañas do Xestoso- declarada LIC e ZAC- e unha área prioritaria na reprodución e alimentación de aves” enfatiza Rego mentres enumerou as especies protexidas ou ameazadas que ocupan este hábitat. Así mesmo, o parque tamén suporá graves prexuízos para os diferentes charcas, lagoas e un forte impacto sobre os acuíferos e augas subterráneas polo movemento de terras.

Neste sentido, a implantación do parque tamén terá consecuencias negativas para o patrimonio histórico e cultural da zona, pondo en risco a conservación e posta en valor dun gran número de elementos como a Capela de San Amaro, as mámoas de Boi Morto, o Campo da Tomba ou o Rego da Cruz, así como a invasión do trazado do Camiño de Santiago. Tamén afectaría ao Observatorio Astronómico de Forcarei que, pola súa proximidade dos aeroxeradores aos telescopios, incidirían negativamente no grao de nitidez, na contaminación acústica e na calidade astronómica.

“A implantación deste proxecto eólico, igual que os máis de 200 que se están a tramitar na Xunta de Galiza e no Goberno do Estado, non servirá para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións máis próximas nin xerar riqueza no territorio” enfatiza o deputado nacionalista. “Só repercutirá de maneira positiva no maior lucro das compañías enerxéticas que o promoven, exportarían esa enerxía a outras partes do Estado sen que Galiza, como territorio produtor de enerxía, teña algunha compensación” conclúe Rego.

DEJA UNA RESPUESTA