A deputada nacionalista Carme Aira esixiu á Xunta no Parlamento galego que resolva de inmediato o deficiente estado no que se atopa o PAC situado no hospital comarcal de Monforte, logo dos problemas que sufre dende xa hai máis dun ano e para os que o Sergas anunciara no seu día unha solución.

Nunha pregunta en pleno parlamentario, Aira explicou que o PAC de Monforte pechouse a efectos prácticas en marzo de 2020 e mesturouse coas urxencias do hospital comarcal, “competindo ambos polo mesmo espazo físico”. Neste sentido, advertiu de que, pese a ser unha medida urxente e provisional derivada da pandemia, o persoal do PAC segue a día de hoxe compartindo espazo nun “recinto minúsculo”, ocupando ademais dous dos cinco boxes cos que conta o servizo de urxencias.   

Así mesmo, alertou do mal estado da sala de espera de pacientes e do feito de que parte das dependencias do PAC, ante a insuficiencia de boxes, consta dun cuarto sen ningún tipo de ventilación e cuartos de descanso nocturno que non reúnen as condicións de seguridade en caso de sufrir, por exemplo, un incendio.

Logo de sinalar tamén que o servizo comparte sala de curas coa urxencia hospitalaria, o que dificulta a atención ás e aos usuarios con axilidade e, a deputada nacionalista reprochou á Xunta que dende a xerencia centralizada da EOXI en Lugo “non teñen intención de modificar a situación de modo satisfactorio tanto para persoal como para doentes”.

“A promesa feita de darlle unha solución ao PAC parece un enganabobos e bobas como veu sendo durante máis dun ano”, criticou, para a continuación recalcar que as persoas a cidadanía está un pouco cansa e pode pensar que a COVID serve de desculpa para desgastar unha vez máis os precarios servizos sanitarios do distrito sanitario de Monforte. Por iso, urxiu ao Goberno galego a solucionar o estado actual do PAC e concluíu que a ampliación do hospital comarcal é suficiente para albergar o servizo “en condicións dignas”.  
 

DEJA UNA RESPUESTA