A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, comprometeuse hoxe a que, unha vez sexa deputada no Congreso despois das eleccións do 10N,  presionará ao Estado para que negocie a ubicación da subestación eléctrica de Bértola contra a que a veciñanza leva loitando máis de 10 anos.

A nacionalista lembrou que a pesares de que a vía xudicial está esgotada, a localización da subestación aínda pode ter unha solución vía política, polo que indicou que o Bloque Nacionalista Galego seguirá presionando tanto nas institucións nas que teña representación como mobilizándose na rúa coas persoas afectadas ata que sexa necesario. “Estaremos sempre do seu lado”, manifestou. 

Criticou, así mesmo, as posturas de PP e PSOE tanto na Xunta como no Estado deixando de lado as reclamacións veciñais e ignorando as propostas de ubicación alternativas que se puxeron sobre a mesa, polo que insistiu en que “só se o BNG volve ter representación no Congreso o tema volverá estar na axenda política”.

VilaboaSegundo dixo Da Silva, estas eleccións son un bo momento para que o cabreo da veciñanza de Vilaboa se transforme en algo útil, xa que os resultados do 10N darán lugar á conformación dun novo goberno no que previsiblemente non haberá maiorías absolutas, e no que o BNG poderá ser determinante. “Só o BNG dará voz á veciñanza de Vilaboa e fará presión para que haxa unha saída á problemática da subestación. O cabreo ante a inacción e ante o espectáculo vergoñento das forzas estatais que ignoran os nosos problemas pode converterse nunha oportunidade se volvemos ter presenza da man do Bloque”, insistiu.

Da Silva lembrou que a parroquia de Bértola leva loitando dez anos para que a subestación proxectada por Rede Eléctrica de España. Indicou que dende o 2009, cando se soubo que se construír unha para subministrar ao AVE na localidade, tanto o BNG de Vilaboa como o grupo municipal estiveron loitando e dando os pasos pertinentes para evitala.

Insistiu en que a comunidade de montes ofreceu terreos para que a subestación se localice noutra zona en lugar de no centro da parroquia, mais Rede Eléctrica Española rexeitou no seu día esa alternativa e mantivo o proxecto inicial, contra o que xa se esgotou a vía xudicial no Supremo. “É o momento de forzar a vía política en Madrid e o BNG non parará no seu empeño”, subliñou, “xa que a parroquia verá como se esnaquiza o seu territorio mais non obterá ningún tipo de compensación”.

A cabeza de lista por Pontevedra, tamén quixo engadir que unha constatación do esquecemento de Galiza e os seus problemas foi o debate de onte na TV. “Galiza volveu ser unha anécdota, unha anotación a pé de paxina, unha nova constatación de que se queremos ter voz propia, se queremos que os intereses deste país pesen no Estado é necesario que o BNG teña representación no Congreso a partir do 10N. Somos a única garantía de que os problemas deste país e da súa xente van estar, a única garantía para cambiar o pasotismo e a discriminación pola defensa dos seus intereses dos galegos e das galegas”, alegou.