A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou hoxe no mitin de Cambados que “os sectores produtivos e as empresas galegas sempre van ter no Bloque Nacionalista Galego un aliado en Madrid para defender os seus intereses”. Destacou a súa confianza en que “a partir do 10N o BNG volverá ser a voz do país para que as súas necesidades estean no debate político do Congreso”, dixo, “e deixar atrás os paus nas rodas que nos puxeron ata o de agora en todos os campos nos que somos punteiros”.

A nacionalista destacou que as forzas estatais, xa ben Partido Popular, ben Partido Socialista,  sempre supuxeron un problema para o desenvolvemento de áreas como a pesca, a transformación dos produtos pesqueiros ou a viticultura, fundamentais para O Salnés. Sinalou que a capacidade produtiva da pesca, de feito, sempre estivo limitada por decisións de administracións en Madrid e Europa que non teñen en conta que  é un sector estratéxico para o país.

Subliñou tamén que na comarca do Salnés hai empresas líderes que, con grande visión internalizadora, que están en boa posición e son competitivas, “ pero non polo apoio institucional, senón polo seu pulo propio, polo seu investimento en investigación, e pola calidade dos seus produtos”. De feito, preguntouse “que poderiamos ter sido de desenvolver todo o noso potencial con axudas desde as administracións?”.

“Somos potencia en multitude de ámbitos –argumentou- e Galiza pode saír adiante por si mesma se hai un acompañamento por parte de forzas propias que apostan polo país e a creación de riqueza e emprego partindo das súas potencialidades. Iso é o que fai o BNG cando está nas institucións e así o ten demostrado”, asegurou.

Da Silva subliñou que a sociedade está a esixir respostas ás súas necesidades actuais tendo en conta perspectiva de futuro e non mediante solucións cortopracistas. Indicou  que o BNG non vai permitir a privatización das rías galegas fronte a intereses foráneos. “Defendemos rías limpas e saneadas, nas que se potencie a pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura tradicional. Queremos que as rías sigan sendo un ben público, dos que se beneficie a xente de aquí”, subliñou.

En clave arousana tamén fixo referencia á necesidade de transferencia das competencias en materia de costas, salvamento marítimo e portos; sostivo a necesidade de dispoñer de competencias en materia de tráfico e seguranza viaria para que as estradas do estado deixen de estar “desleixadas”; e insistiu unha vez máis na necesidade de que a AP9 sexa galega e gratuíta para fomentar a mobilidade das mercadorías e da veciñanza sen pagar “a estafa unha e outra vez”.

Logo de facer mención a parte das reclamacións da comarca ao Estado, Da Silva insistiu en que estas eleccións non poden centrarse na política madrileña: “Estas eleccións non deben ser as de Sánchez ou Casado. Deben ser as eleccións de Galiza, porque o noso país e os seus problemas deben estar no debate en Madrid. Galiza non pode permitirse seguir estando ausente de onde se toman as decisións importantes que nos afectan. O BNG é a voz de Galiza e o 10N hai que ir votar coa cabeza e o corazón posto na nosa terra”, subliñou.

No mitin de Cambados estiveron tamén a deputada no Parlamento galego, Montse Prado, quen apelou ao orgullo dos veciños e veciñas de Cambados para defender os dereitos de Galiza e darlle de novo unha voz propia aos nacionalistas no Congreso. Tamén estiveron Víctor Caamaño, portavoz municipal en Cambados, e Pilar Xiráldez, candidata ao Congreso.