A cabeza de lista do BNG para as eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, visitou hoxe o concello de Dozón para reivindicar a mellora das conexións viarias do municipio, en concreto a reformulación do proxecto de enlace da AG-53, a transferencia da AP-53 para rematar coas peaxes abusivas, así como unha maior seguranza viaria na N-525, entre outras cuestións referidas ás infraestruturas viarias do Deza.

Segundo explicou a nacionalista, todas estas cuestións só chegarán a Madrid se hai unha forza 100% galega que faga escoitar a voz e as necesidades da xente do país. Afirmou, de feito, que o vindeiro 10 de novembro debe converterse unha nova oportunidade para que Galiza teña voz no Congreso dos Deputados da man do Bloque Nacionalista Galego fronte á “frivolidade” das forzas políticas estatais que non foron quen de dialogar e chegar a acordos e que esqueceron continuamente as necesidades do país nos últimos anos.

Nas eleccións do vindeiro 10N –dixo a nacionalista- é preciso falar “dos problemas que temos galegas e galegos” en lugar de discutir sobre a política madrileña. “Estas eleccións non van nin do futuro de Sánchez nin de Casado nin de Rivera. Estas eleccións deben ir –afirmou- de falar das infraestruturas do Deza e de ter unha tarifa eléctrica galega que permita ás explotacións gandeiras ser competitivas para producir”, salientou.

Entre outras cuestións, Da Silva puxo sobre a mesa a necesidade de mellorar as conexións viarias de Dozón. Criticou o plantexamento sobre o enlace na AG53 dende o concello cara Ourense, unha cuestión que motivou a presentación de alegacións por parte da veciñanza, e que foi recollida tamén nunha iniciativa particular do BNG, indicando que o enlace proposto non chega a ser dobre xa que non contempla a entrada cara a vila. Tamén criticou que se pretenda utilizar de carril de acceso á autovía a ponte de servizo habilitada no seu momento para paso subterráneo.

Como prioridades para a comarca a levar ao Congreso, Da Silva insistiu na necesidade de poñer as infraestruturas públicas ao servizo do país, lembrando que a AP-53 entre Lalín e Compostela é unha das máis caras do Estado, e reivindicando a súa transferencia a Galiza para acabar coas portaxes abusivas. Tamén sinalou a importancia de mellorar a seguranza viaria na N-525, xa que os pasos a nivel que transcorren por Dozón están inservibles e hai varias liñas continúas que impiden e dificultan a comunicacion e seguridade en varios puntos.

Segundo Da Silva, O BNG levará todas estas reivindicacións a Madrid e elevarase como “a voz de todo o país, de todos os galegos e galegas que lle queren a este país. Nós queremos ser a voz sen ataduras e sen subordinacións con confianza no futuro”. Concluíu, así mesmo, amosando a súa convicción de que os resultados do 10N serán bos para a forza nacionalista galega, xa que nos últimos sete meses seguiu a corrente de simpatía cara ao BNG, acrecentada polo malestar ante a “frivolidade e falta de responsabilidade” das forzas madrileñas para acadar unha lexislatura viable.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario