“Diane tinha razón, o mundo está a cambiar, a música está a cambiar, as drogas están a cambiar. Incluso os homes e as mulheres están a cambiar. Dentro de mil anos xa non haberá tíos nin tías, só imbéciles.”
Trainspotting
“O amor sexa sen hipocrisía; aborrecendo o malo, aplicándoo ó bo.”
Romanos 12:9
Querido Luis Argüello,
Debe vostede desculparme a tardanza na minha resposta ás súas últimas declaracións como secretario xeral e portavoz da Conferencia Episcopal Espanhola, pero estes últimos meses para min foron complicados. Non creo sexa mester entrar nestas páxinas en demasiados detalhes, pero digamos a modo de “desculpa” pola minha tardanza, que mesmo quen pretende explicar nos nosos textos un mundo demasiado cambiante e impersoal, en certas ocasións perdémonos sen remedio na súa inmensidade.
O motivo da minha zozobra non é outro que o amor. Bendita bendición e cruel destino en ocasións pensará vostede, despois de todo nese mesmo sentimento é no que a súa “empresa” deposita todas as súas esperanzas de cara ó futuro da humanidade. E precisamente por ese motivo, sorpréndeme unha vez máis o obtuso sentido das declaracións dun alto membro da Curia eclesiástica, sinalando sen motivo aparente ó colectivo LGTBI como un ente diferente ou afastado da condición global da humanidade como filhxs de Deus.
Vaiamos directamente ao gran, desconhezo os recunchos da súa concepción profesional á hora de considerar a un individuo homosexual como un home non enteiramente home. Desconhezo o seu razoamento e cústame chegar a comprender que un companheiro ou unha companheira nesta longa viaxe que é a vida, se vexa privado de desenvolver libremente a súa espiritualidade polo único motivo de amar a unha persoa do mesmo sexo. Non vou entrar nos detalhes ou a lóxica de que alguén do colectivo LGTBI queira abrazar ao catolicismo, pero falareilhe con total sinceridade, vostede e os seus son libres de imponher as normas que lhes venha en gana nese club privado que se montaron. Poden considerar a homosexualidade como unha moda, negarse a admitir nos seus sacramentos a unha persoa que ama por considerar que o fai á persoa incorrecta, falar de sodomía, pecado ou mesmo predicar desde os seus púlpitos a incomprensión ao colectivo LGTBI. Vostedes poden facer o que lhes plazca -a condición de que se adecuen ás normas do estado de dereito- pero con iso simplemente continuarán demostrando non entender nada da suposta mensaxe do seu xefe.
Ata agora a intolerancia e a sen razón da historia comprendeu e aceptou case sen demasiados prexuízos as tolemias e o politiqueo co que os seus propios verdugos interpretaron as palabras de Deus, pero os tempos cambiaron, os medos desapareceron. Asegúrolhe señor Luís Argüello, que nas súas parroquias agora mesmo caminhan centos de mulheres e homes que aman, homes e mulheres que desde o amor loitan por un futuro melhor, por unha vida para eles e para os seus. Impórtame bastante pouco se quen se ama son dous homes, dúas mulheres, un home e unha mulher, varias persoas á vez…, resúltame indiferente a orientación sexual de calquer parelha. Pero persoalmente, creo que todos eles agradeceríanlhe que non os tratase como a bichos raros ou a persoas non aptas para sentir a fe polos seus sentimentos.
Nunha sociedade na que centos de parelhas sofren, na que centos de mulheres son asasinadas por un amor falso, nunha sociedade na que a crueldade e o engano son confundidos co amor. Non creo que a máxima preocupación de Deus sexa que dous homes ou dúas mulheres cheguen a amarse de verdade.
Nun mundo no que o amor escasea e cada día é máis complicado de manter pola presión de nosas propias vidas, a mensaxe de intolerancia da súa igrexa hai xa tempo que non ten cabida. Se que tentou rectificar -sen facelo realmente por outra banda- pero tómeo vostede como un sinal dos tempos. Non tardará o día en que para aqueles que o desexen tamén a igrexa será un lugar que non discrimine por razóns de sexo, orientación sexual ou a forma de vivir a nosa sexualidade. Mentres tanto, vostedes serán os únicos que non vexan o mesmo sufrimento, o mesmo gozo, a mesma intensidade no amor sexa este entre os sexos que sexan. Tenha fe verdadeira niso que tanto predican vostedes senhor Argüello, despois de todo, vostede sabe o que é manter un amor incondicional a un home, se é que non se equivocaron co sexo dx xefx claro.
“E ante todo, tede entre vós fervente amor; porque o amor cubrirá multitude de pecados” Pedro 4:8
P.D. A concepción clásica dun home enteiramente home, ás veces é demasiado aburrida. Mesmo para os heterosexuais como eu. Por iso un conselho, déixenos vivir a todxs e vivan.