Comisións Obreiras (CCOO) e CIG anunciaron esta mañá unha folga indefinida nos servizos de limpeza dos hospitais galegos a partir do 10 de abril. O anuncio fixérono nunha asemblea de delegadas e delegados, que aproveitaron para denunciar os incumprimentos das empresas Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunión, que se negan a pagarlle ao persoal a equiparación salarial acordada, así como a «parsimonia» do SERGAS, que consente a situación.

A convocatoria de folga atangue ao redor de catro mil traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza dos hospitais e afectará a milleiros de usuarias e usuarios, agás que o SERGAS reaccione ou as empresas rectifiquen.

Mediación o día 9

Para o día 9 de abril está prevista unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais e a folga iniciarase ao día seguinte, se non se resolve esta situación. O secretario de Acción Sindical da Federación de Construción e Servizos de CCOO, Ricardo Santos, xa adiantou que nesa xuntanza «non vai haber debate. Xa o houbo o 15 de outubro e o 8 de novembro, cando todos chegamos a un acordo, mesmo as empresas que agora o cuestionan e que son asinantes e ata centrais sindicais que tamén asinaron e non entendemos por que non nos acompañan agora nesta convocatoria de folga».

O voceiro de CCOO lembrou que hai sentenzas de 2011 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e mais do Tribunal Supremo nas que se aclara como teñen que aboar as empresas este plus. Santos denuncia, pois, que houbo «mala fe no ámbito da negociación», pois as empresas agardaron ao último día para comunicar que non pagarían. «Isto non nos deixa máis camiño que afrontalo desta maneira», ou sexa, convocando a folga.

As empresas expóñense a grandes sancións

Ricardo Santos tamén sinalou que a negativa das empresas a pagar un plus recoñecido por convenio pode ter «graves consecuencias para elas», xa que as infraccións na orde social poden ser castigadas con multas que van dos 6000 aos 187.000 euros. «Están xogando con lume», advertiu o sindicalista.

Un plus recoñecido desde hai dez anos

O plus de equiparación salarial negociouse nos acordos dos anos 2008 e 2009, ratificados no 2018. Neles recoñéceselles aos traballadores e traballadoras de limpeza dos hospitais galegos a equiparación salarial co persoal do SERGAS que, neste caso, teñen recoñecido un plus de carreira profesional.

Segundo a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, o contido deste acordo trasladouse no 2008 ao convenio colectivo e supuxo un incremento salarial «considerable». O dito plus pagouse todos os anos, agás no 2009, cando tamén houbo empresas que tentaron non aboalo, pero acabárono pagando despois de conflitos e mobilizacións.

Este complemento ratificouse novamente en novembro de 2018, nunha xuntanza en que todas as empresas asistentes asinaron o pagamento de carreira equivalente á equiparación, cun prazo ata o 31 de marzo de 2019 para facelo efectivo. Porén, a día 26 de marzo, as catro empresas sinaladas comunicaron, a través de escritos ás seccións sindicais e aos comités de empresa, que «non van pagar se non se lles solicita e se ten realizado un curso de especialización». CCOO e CIG rexeitan a necesidade deste curso porque «o persoal ten experiencia profesional abonda».

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario