Os datos do COVID-19 reflicten unha porcentaxe de profesionais da saúde contaxiados polo virus que aumenta diariamente.

CCOO insta a Consellería de Sanidade a facerlle a proba do coronavirus a todo o persoal da sanidade e da dependencia. Os datos do COVID-19 reflicten unha elevada porcentaxe —que aumenta cada día— de profesionais sanitarios contaxiados polo virus. Para o sindicato, «non é admisible» que a Administración non protexa a quen está na primeira liña de loita contra a pandemia e coidando da saúde da poboación. En opinión de Comisións, a Consellaría tenlle que facerlle xa a proba do COVID-19 a todos os profesionais e non agardar a que comecen os primeiros síntomas.

TEST PARA TODO O PERSOAL SANITARIO

Desde o comezo da pandemia, a Federación de Sanidade estalle esixindo á Consellería a realización destas probas, pero o departamento sanitario «fai o xordo» ás peticións sindicais. CCOO denuncia que nalgúns hospitais existe un maior número de profesionais contaxiados que do resto da poboación. «Estamos a ser o maior vector de transmisión, o que dificulta aínda máis o obxectivo de controlar esta pandemia», sinala Emilia Lamas, secretaria xeral de CCOO-Sanidade.

Segundo Lamas, tanto o persoal da sanidade como da atención á dependencia «teñen que poder traballar sen medo, protexidos, como se recolle nos plans de prevención de riscos, coas medidas de protección axeitadas e sen que estas escaseen».

CCOO conclúe salientando que a pandemia «non se pode combater só con confinamento. Se non protexemos a quen nos coida, non só saturaremos os hospitais, senón que non teremos quen preste os coidados necesarios».

DEJA UNA RESPUESTA