A entidade, estreitamente vinculada ao Partido Popular nalgúns dos seus cargos directivos e inzada de subvencións públicas, fala nas súas redes sociais de que “a paisaxe é un dos nosos grandes tesouros” mentres cala sobre a problemática socioambiental xerada polos contestados parques éolicos de Corme e As Salgueiras e tamén dos polémicos proxectos Monte Chan, Pena dos Mouros e Soesto, que EDP Renovables pretende instalar rodeando a paisaxe protexida e mesmo implantando nela dous aeroxeradores de dimensións colosais.

“Penedos de Pasarela, cando vos vexo, Penedos, suspiro de amor por ela”. Así cantaba o bardo pontecesán Eduardo Pondal na súa obra de referencia, “Queixumes dos pinos” (1886), o seu aprecio polos Penedos de Traba e Pasarela, os mesmos que agora sofren a agresión da onda incontrolada de proxectos eólicos que asoballa ao territorio galego.
Unha petición da plataforma change.org, que xa recolle miles de sinaturas contra a instalación de aeroxeradores na contorna dos penedos, recorda que estas formacións graníticas, “creadas pola arte dos dedos do tempo”, foi declarada paisaxe protexida no ano 2008 e que, ante todo, esta paraxe natural é “moito máis que pedras”.
A Lei estatal 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, sinala que as paisaxes protexidas son aquelas partes do territorio que as administracións competentes, a través da planificación aplicable e dacordo co Convenio Europeo da Paisaxe consideran merecedoras dunha protección especial “polos seus valores naturais, estéticos e culturais”, e a súa xestión ten como obxectivos principais “a conservación dos valores singulares que os caracterizan, así como a preservación da interacción armoniosa entre a natureza e cultura desa zona”.
Sen embargo, aínda que a Fundación Eduardo Pondal e o seu xerente e asesor do PP en Cabana de Bergantiños José María Varela Martínez gábanse da súa “defensa” da paisaxe, están a gardar un silencio que a veciñanza considera “clamoroso” ante os proxectos que ameazan con destruir o territorio louvado polo bardo pontecesán alén dos Penedos de Pasarela e Traba, coma no caso da repotenciación do parque eólico de Corme e o proxecto As Salgueiras, que pon en perigo en toda a súa dimensión ás paisaxes pondalianas dado que as infraestruturas do parque eólico están incluídas no ámbito de aplicación da normativa do Plan de Ordenación Litoral de Galicia (POL) e nas unidades de paisaxe Monte Branco, Praia de Balarés, Esteiro do Anllóns, Cantís do Canteiro e Brañas de Gondomil, incidindo parte das instalacións do proxecto sobre espazos de interés paisaxístico e de protección de ladeira.

Fronte a isto, o colectivo “Xente do Rural” de Corme e a Plataforma “Salvemos as Salgueiras” reivindican “o dereito dos pobos e os territorios á paisaxe, ao patrimonio e á cultura” denunciando “o espolio e destrución” que este tipo de proxectos supoñen.