Coalición Son: “A Deputación ten que asumir as súas prácticas irregulares de contratación no Museo de Pontevedra”

O deputado provincial, Xosé Lois Jácome vén de presentar unha nova iniciativa para coñecer de primeira man a situación dos e das traballadoras do Museo de Pontevedra tras coñecer a sentencia favorable a unha das demandantes contra a Deputación.

A Coalición Son denuncia que a Deputación utiliza diferentes persoas para cubrir o mesmo posto indefinido de maneira rotatoria. “É un posto no Museo de Pontevedra que se demostra que non pode cubrirse de maneira eventual ou en épocas de maior visita ao Museo, senón que é necesario todo o ano. A Deputación utilizou diferentes persoas para cubrir o mesmo posto para que estas non acadasen a figura de ‘indefinido’”. Para Xosé Lois Jácome é un feito grave e do que o deputado xa alertou en xuño do 2018 tras coñecer o caso concreto.

O posto de “auxiliar técnico do Gabinete Didáctico”, no que a demandante desenvolvía a súa quenda laboral, era cuberto cada seis meses por persoas que estaban nunha bolsa de emprego. É dicir, cando as persoas contratadas cumprían 6 meses do contrato ían ó paro e contrataban a outras persoas da lista para facer exactamente as mesmas tarefas; algo que se viu prolongado ata que rematou a vixencia da bolsa, que era de dous anos dende o seu inicio. Cando rematou esta modalidade de contratación -a través das listas- recorreuse ás listas do paro; excluíndo por tanto do proceso ás propias persoas que nese momento estaban contratadas pero que ían deixar de estalo en pouco tempo.

“Isto vén provocando unha situación indiciariamente irregular, pois propicia que haxa persoas que levan anos cubrindo necesidades que son permanentes, con contratos temporais. Accédense a diferentes tipos de contratacións, rotan uns e outros traballadores/as, pero sempre hai un grupo de traballadores/as temporais, xa que son imprescindíbeis para o funcionamento do Museo” apuntou Jácome.

O horario do Museo é de 10 a 21h de martes a sábados e de 11 a 14h os domingos e festivos; a excepción daqueles festivos que pecha. Para cubrir ditos horarios, precísanse, segundo profesionais do Museo 16 auxiliares; 8 de mañá e 8 de tarde. Enténdese ademais que o persoal debe desempeñar parte da súa labor en horario de non apertura para a preparación de tarefas, actualizar coñecementos ou preparar exposicións.

Agora, a xustiza dálle a razón a M.M.O.G, que presentou unha demanda contra a Deputación por utilizar un modo fraudulento a contratación temporal. Por tanto, a traballadora ten unha relación laboral de carácter indefinido coa Deputación segundo o xuíz.

Ante estes feitos coñecidos, a Coalición Son vén de presentar unha nova iniciativa, xa que a anterior foi obviada polo goberno provincial, para coñecer os motivos da presentación dun recurso ante a claridade da situación. Entre outras cousas preguntámoslle á Deputación cal é o motivo de convocar tres postos interinos que podería cubrir a demandante coa sentenza xa na man; así como información sobre o servizo de Gabinete Didáctico para coñecer o fondo da cuestión.

Deja un comentario