Redacción Galicia 

O concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a terceira edición do ‘Compostela + Solidaria‘, un programa de sensibilización que se levará a cabo do 25 de maio ao 15 de xuño en distintos espazos da cidade e onde Amigos da Terra participa de xeito moi activo. Ao longo de 20 días ‘para mudar o mundo’, programaranse obradoiros, charlas, xogos, exposición, proxeccións e unha Feira Solidaria. Neste enlace atoparedes todas as actividades.

O punto de partida será a Feira Solidaria que, o 25 de maio pola tarde, terá lugar na Praza Roxa da cidade. Un espazo pensado para o encontro e no que haberá propostas para todas as idades:xogos do mundo, radio comunitaria, obradoiro de ritmos da man da batukada feminista, un acto de rúa contra a xitanofobia… Amigos da Terra participará cun obradoiro de reparación de roupa, un mercadiño de troco de roupa de bebés, nenas e nenos e un taller para argallar nos portátiles xunto ca ONGD Enxeñería Sen Fronteiras e a Plataforma Mina Touro O Pino Non.

Con esta terceira edición a cidadanía compostelá terá a oportunidade de aprender facendo, de divertirse e de coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que, dende o local, contribúen a mudar o mundo.

Novidades

Ademais das actividades que cada ano organizamos nos centro socioculturais da cidade, este ano súmanse novos espazos como o Mercado de Abastos, que acollerá un obradoiro de cociña con comercio xusto; o Museo do Pobo Galego, onde a partir do 29 de xuño poderase visitar a exposición fotográfica Tecedoras do cambio que achega a historia de vida e loita de 23 mulleres lideresas de países de América Latina, África e Asia.

O cinema Numax tamén se suma á lista de novos espazos coa programación dunha sesión de curtas sociais o 31 de maio, ás 21 horas. A sesión será de balde e, para poder asistir, só hai que inscribirse no correo info@numax.org.

Deja un comentario