Redacción Galiza

Tras varias reunións co sector afectado, CxG denuncia que a madeira dos lumes está sendo na súa maioría exportada para fóra de Galicia. Os mercados inglés e chinés son os principais destinos de toneladas de madeira dos nosos montes queimados. Unha situación que ven dada pola urxencia creada na retirada de madeira, logo dos grandes incendios do pasado verán que arrasaron miles de hectáreas de monte en Galicia. Xa no mes de outubro CxG no Parlamento europeo interpelaba a través da nosa eurodeputada, Izaskun Bilbao, á Comisión para saber cal ía ser a xestión de este recurso, que está suxeito á normativa europea, non respondendo a Xunta á interpelación da propia Comisión a petición de CxG.

Compromiso por Galicia, en defensa do sector industrial de segunda transformación de madeira con empresas referentes para toda Europa e moitas bisbarras, poñemos en coñecemento da opinión pública a presente chamada de SOS denunciando que de persistir esta actuación a nosa industria que paga os seus impostos en Galicia quedará desabastecida no mes de outubro sen que a Xunta de Galicia faga nada pola defensa dos nosos empresarios e os postos de traballo, logo virán os ERE que pagamos todos.

Tendo en conta a actual situación, facilmente contrastable coas empresas do sector, dende Compromiso por Galicia propoñemos á Xunta a utilización da madeira queimada para o noso sector produtivo, xa que é patrimonio de todos. A solución poder ser aplicar o sistema que xa aplicou Francia na rexión das Landas, consistente e polígonos de almacenamento con un sistema de rego automático que conserva a madeira durante anos.

A ineptitude e parálise da Xunta vai como sempre en detrimento da poboación do rural onde están normalmente instaladas as industrias de transformación da madeira, constitúe pois esta unha acción estratéxica para o País e para o asentamento de poboación no sempre castigado rural galego.

Deja un comentario