Este ano Compromiso por Galicia contou cun espazo propio dentro das tradicionais “txoznas” que as diversas agrupacións do EAJ-PNV ocupan na “kampa” de Foronda. Mais de 90.000 persoas acoden á festa do partido, incluíndo delegacións convidadas de todo o mundo: Angola, Chile, Estonia, México,..
O polbeiro do Carballiño foi unha das atraccións gastronómicas do evento, xunto aos viños do ribeiro e albariños que regaron aos pementos de padrón e aos queixos de tetilla que o partido dos galeguistas serviu ao longo de todo dia aos milleiros de persoas que pasaron polas súas instalacións. Neste sentido é a primeira vez na historia do Alderdi Eguna que un partido galego ocupa un posto de referencia dentro da organización do evento.
Piñeiro Docampo: “somos xa a dia de hoxe a única forza política galeguista e europeísta que existe en Galicia, nin o PP que abandonou calquera tinte galeguista, nin as Mareas co seu espírito eurófobo, representan o sentir da xente do País”
O Secretario Xeral, Piñeiro Docampo, declarou que Compromiso por Galicia é xa un socio estratéxico e fiable para os jetzales, xunto aos que apostamos por unha nova alianza estratéxica dentro de Europa e no marco da axenda 2025 da UE.
Para Compromiso por Galicia comezou unha etapa que é un desafío para o avanzo social e económico do noso País, non podemos depender dun pacto político unidireccional con Madrid, hoxe en dia a soberanía é multinivel, mais do 70% das leis que nos afectan no noso dia a dia son reguladas desde a UE. Neste sentido, nós somos xa a dia de hoxe a única forza política galeguista e europeísta que existe en Galicia, nin o PP que abandono calquera tinte galeguista, nin as Mareas co seu espírito eurófobo, representan o sentir da xente do País. Compromiso por Galicia somos o partido mais moderno, mentres uns falan unicamente dos seus problemas internos e outros para non falar da súa mala xestión usan a pantasma de Cataluña, nós buscamos solucións reais para os problemas da xente.