A Agrupación compostelá de Compromiso por Galicia vén de presentar a súa proposta para rebaixar a presión fiscal que soporta a veciñanza de Santiago para a vindeira lexislatura.
Entre as iniciativas propostas polo partido galeguista incluiríanse, entre outras, unha rebaixa do tipo impositivo do IBI até o 0.45 para os bens inmobles de natureza urbana e até o 0.35 para os inmobles de natureza rustica, que actualmente se atopan fixados no 0.51% ambos os dous. Tamén se propón reducir ao 1% o tipo do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras para impulsar a construción e as rehabilitacións no termo municipal e suprimir os coeficientes de incremento aplicados polo Concello no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, que quedarían así nos mínimos legais.
A todo isto engadiríanse medidas conectadas con políticas de fomento do emprego, como unha bonificación do 50% na cota do Imposto sobre Actividades Económicas para aquelas empresas que participen no Plan de emprego municipal, ou a gratuidade dos primeiros 30 minutos de aparcamento en zona ORA para fomentar o consumo no comercio local.