O profesorado e as educadoras e educadores que actualmente formamos parte da Rede Educativa de Apoio LGBT de Galicia queremos denunciar e condenar con rotundidade a recente aparición nalgúns centros educativos de Galicia de propaganda enviada pola asociación ultraconservadora Hazte Oir, solicitando o chamado pin parental e cuestionando o ensino que cumpre coa normativa vixente neste país.

Desde a normativa de Dereitos Humanos á Constitución Europea, lembramos que o marco legal educativo vixente no Estado español e concretamente en Galicia, reafirma o dereito do alumnado a recibir formación en valores que apelen á convivencia, á tolerancia e á non
discriminación por cuestións de identidade de xénero ou orientación sexual. Tal e como podemos ler no Artigo 27 2. da Constitución Española “A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais»; na LOMCE 8/2013, no seu Título Preliminar, Capítulo I, Principios e fins da educación, sinala no seu Artigo 1 que a educación procurará “A transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como que axuden a superar calquera tipo de discriminación”. O Curriculo de ESO e Bacharelato en Galicia – Decreto 86/2015, no seu Artigo 4, nos chamados elementos transversais volve afirmar que «A consellería con competencias en materia de educación fomentará o desenvolvemento da igualdade efectiva entre homes e
mulleres, a prevención da violencia de xénero ou contra persoas con discapacidade, e os valores inherentes ao principio de igualdade de trato e non discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social. Evitaranse os comportamentos e os contidos sexistas e os estereotipos que supoñan discriminación por razón da orientación sexual ou da identidade de xénero, favorecendo a visibilidade da realidade homosexual, bisexual, transexual, transxénero e intersexual”. Finalmente, a Lei 2/2014, do 14 de Abril, pola Igualdade de Trato e a Non Discriminación de Lesbianas, Gays, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia, especifica, no ámbito educativo, no seu Artigo 23, que “aAdministración educativa galega, en colaboración co departamento competente en materia de igualdade, fomentará a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero.”

Deste xeito, cando esta asociación ultraconservadora nos acusa de “adoctrinamento” non está facendo máis que un exercicio perverso de proxección e acúsanos de facer o que fixeron durante décadas quen propagaron, coma eles, a LGBTfobia e o discurso de odio á diversidade nas aulas. Da mesma forma que nos acusa de “ideoloxía de xénero” cando
educamos en igualdade segundo a legalidade vixente en Galicia e no noso marco internacional.

Por este motivo, solicitamos á Administración Educativa Galega, concretamente á Consellería de Educación, a que inste aos equipos directivos dos centros de ensino a retirar a propaganda falaz e anticonstitucional de Hazte Oir coa maior dilixencia posible, e así garantir a legalidade vixente educativa en Galicia.

Desde a Rede Educativa de Apoio LGBT de Galicia continuaremos a traballar arreo día a día nas aulas para construír unha sociedade tolerante, onde cada persoa poida desenvolver a súa identidade con liberdade e sen sofrer ningún tipo de fobia ou discriminación.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario