Encontro, actualidade de Galicia

Relacionada: Denuncian a pasividade das autoridades competentes ante a situación ilegal de paso dos camións do complexo de tratamento de residuos na canteira de Miramontes

 

O luns 21 de maio de 2018, despois de oito días dende que a empresa xestora do vertedoiro de Miramontes fixera pública a súa decisión voluntaria de paralizar a actividade debido ás protestas veciñais, retorna a actividade no vertedoiro de Miramontes e, como consecuencia, o trasego dos camións que comezan a circular polo vial denominado Camiño de Gandarón, limitado a 5,5 toneladas.

Cronoloxía da situación

  • Ás 13:00 horas a Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes reúnese no Pazo de Raxoi co Excelentísimo Alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e co Excelentísimo Concelleiro de Medio Ambiente e Urbanismo de Santiago de Compostela, Xan Duro.

Durante esta reunión, o Concello informa novamente á plataforma de que o vertedoiro de Miramontes ou Complexo Ambiental de Miramontes, non ten outorgada autorización especial de tránsito polo vial denominado Camiño de Gandarón.

Deste xeito confírmase que o tránsito dos camións de alta tonelaxe que se dirixen ao vertedoiro de Miramontes facendo uso do Camiño de Gandarón están infrinxindo a lei.

  • Entre as 15:00 e as 15:30 horas procédese a chamar á Garda Civil de Tráfico para informarlle da situación e solicitar a súa presenza na intersección do Camiño de Gandarón coa estrada DP -7804 (Val de Dubra-Santiago) km 19.
  • Entre as 17:00 e as 17:30 horas a Garda Civil fai acto de presenza e procede a realizar as denuncias pertinentes e a prohibirlle o paso aos camións de alta tonelaxe que pretenden acceder ao vertedoiro de Miramontes facendo uso do devandito vial. Actuación que perdurou ata as 19:00 horas aproximadamente.
  • Ás 18:30 horas os veciños comproban como os camións, supostamente alertados polos seus colegas, agardan a certa distancia -1 ou 2km- do control da Garda Civil de Tráfico para non ser sancionados á espera de que este se disolva, e así acceder con impunidade ao vertedoiro. Práctica que os veciños recoñecen como habitual.
  • Ás 19:50 horas un camión de alta tonelaxe, que a plataforma recoñeceu coma un dos camións ao cal horas antes a Garda Civil de Tráfico lle prohibira o paso, que expedía un cheiro nauseabundo e lixiviaba un líquido noxento polo asfalto, chega ao Camiño de Gandarón acompañado por tres vehículos oficiais da Policía Nacional. Dito camión infrinxe a lei facendo caso omiso do sinal que limita o vial a 5,5 toneladas e accede ao vertedoiro de Miramontes.
  • Ás 20:30 horas a Policía Nacional, despois de acceder ao vertedoiro de Miramontes, explica ao grupo de veciños e membros da plataforma presentes o motivo da súa visita -unha chamada realizada pola empresa xestora do vertedoiro de Miramontes- e asegura que o acompañamento do camión non foi tal, senón produto da casualidade; alegando que o máis probable fora que o camión accedera ao vertedoiro -infrinxindo a lei- aproveitándose da situación.

Os veciños indican que queren deixar clara “a nosa impotencia ao ser testemuñas de tal situación. Resultounos tan sospeitoso coma incomprensible o feito de que, despois de ter estado multando, subira un camión ao vertedoiro precedido dun coche de Policía e seguido por outros dous. Unha imaxe que  semella máis unha presunta escolta policial que o fruto dunha mera casualidade“.

Queremos facer constar que dende o vertedoiro chamaron dúas veces á Policía Nacional, difamando sobre os veciños con mentiras coma que había menores cortando o tráfico e mesmo pelexas entre nós que impedían o paso dos camións.  A Policía puido comprobar que ningunha desas declaracións era certa“, comentan desde a plataforma de afectados.

A plataforma indica a este respecto que “a posición da plataforma non é a de cortar o tráfico; simplemente agardamos nunha beira do camiño para explicar aos camioneiros que non teñen permiso para pasar e que, de facelo, poderían ser multados; pero nunca se lles impide o paso dalgún xeito que puidera chegar a ocasionar algún perigo para a seguridade vial”.

Deja un comentario